Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un colexio de Pontevedra recupera o Entroido tradicional de Marcón

Un colexio de Pontevedra recupera o Entroido tradicional de Marcón

Os veciños do lugar de Pintos colaboraron cos nenos e nenas para elaboraren os entroidos de palla e os traxes típicos

G24.gal 25/02/2022 14:14

Chega a fin de semana grande do Entroido e nos colexios galegos hoxe é día de celebraren os seus desfiles. No CEIP Marcón, Pontevedra, quixeron recuperar o Entroido tradicional de Pintos, que se perdeu hai décadas, e percorrer a contorna do centro invitando os veciños a celebralo.

Volven celebralo logo de dous anos sen poder facelo e recuperar o Entroido tradicional da zona, concretamente do lugar de Pintos, que se caracteriza pola figura de entroido de palla. "Vísteno de forma elegante cun pantalón e camisa branca e con panos e adornos", explica Silvia Puga, coordinadora de dinamización do CEIP Marcón.

Son dúas semanas de intenso traballo para preparar o boneco de palla, o protagonista deste Entroido, e os traxes grazas á axuda dos veciños que colaboraron na súa elaboración e lles transmitiron aos máis pequenos as tradicións desta festividade de Pintos.

Hai emoción na veciñanza por recuperar o seu Entroido, que co paso dos anos se foi perdendo, pero tamén nos nenos e nenas do colexio ao vivíreno por primeira vez. 

Os alumnos saen a percorrer as aldeas, os máis pequenos quedan xa nos lugares próximos, mentres os maiores se achegan ata Pintos, convidando os veciños a celebrar o Entroido ao xeito tradicional. "Vai o Entroido? Ao que responden os do lugar cun si, e logo cántase", recorda José Miguel Mariño, veciño de Pintos que colaborou cos nenos do colexio pontevedrés. 

Como troco, os veciños dan comida, como se facía tradicionalmente, que doarán a unha asociación benéfica. E o baile do boneco e a música tampouco poden faltar. E que viva o Entroido!

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade