Un carniceiro de Ribadavia alecciona o cociñeiro Dabiz Muñoz
Manuel Rodríguez, que ten unha carnicería na praza de abastos da vila, explícalle ao estrela Michelin os distintos cortes da tenreira
O vídeo está triunfando nas redes sociais
Manuel Rodríguez ten a súa carnicería na praza de abastos de Ribadavia. Compaxina a atención á clientela coa gravación de vídeos para Instagram.
"Quero mostrar a carnicería clásica, de toda a vida: a avoíña que vén buscar os bistés para o neno para rebozar", explícanos.
Un dos últimos vídeos que subiu é tamén dos máis polémicos. Diríxese ao cociñeiro Dabiz Muñoz para explicarlle os distintos cortes da tenreira. Aínda fixo unha segunda publicación, respondendo a un comentario crítico.
"O choio de Dabiz Muñoz é por ese momento que vin un cacho de 'llana' e dixen: "Ostras. Como un home coma Dabiz Muñoz se equivoca nun cacho de carne. E fixen un comentario didáctico, pero fóiseme das mans", conta Manuel.
Asegura que o fai con espírito didáctico, e presume da esixencia dos galegos no consumo de carne.
"Aquí vas a Lugo e ves vacas polo camiño, ovellas... Pero en Madrid ves edificios, moi bonitos, pero vacas non hai. Así que algo máis saberemos", conclúe o carniceiro.
Polo momento non tivo reacción do cociñeiro, ao que lle pide que non se ofenda.