Un calendario solidario co autismo rende homenaxe ao persoal sanitario
A asociación de familias de persoas con espectro autista Por Eles TEA de Ourense lanza este ano un calendario para recadar fondos e visibilizar este trastorno
Os protagonistas son nenos e nenas xunto o persoal sanitario do CHUO
A asociación de familias de persoas con espectro autista Por Eles TEA de Ourense lanza este ano un calendario solidario. Con el quixeron renderlle unha homenaxe ao persoal sanitario.
Os protagonistas son os nenos e as nenas da asosiación xunto ao persoal sanitario do Complexo Hospitalario de Ourense. Un xeito de visibilizar o trastorno do autismo e de recadar fondos para o labor da asociación.
Cos 5 euros que vale este calendario solidario poden axudar a que 38 nenos e nenas con trastorno do espectro autista de Ourense poidan recibir as terapias que precisan.
"Servirá para seguir avanzando e poder atender as necesidades de todas as familias que veñen pedindo axuda á asociación", asegura Eva Belmonte, presidenta da Asociación Por eles TEA.
Eva é nai de Daniel de 8 anos, co tempo viu o importante que son as rutinas e terapias como a logopedia ou a psicoloxía.
"Fan un acompañamento moi importante, sobre todo, cando se chega a un diagnóstico e a pregunta é 'e agora que?'", asegura Belén Piñeiro, a xefa do Servizo de Atención ao Paciente da área sanitaria de Ourense.
"Todo ese apoio que prestan, desa orientación de un igual a un igual ademais das terapias que fan é un labor importantísimo", destaca a xefa do Servizo de Atención ao Paciente da área sanitaria de Ourense. E agradece que a Asociación Por Eles TEA quixera ter en conta o esforzo do persoal sanitario nestes case dous anos moi duros e de moito traballo durante a pandemia.
Apoio emocional e visibilizar que estes pequenos con autismo son quen de romper coas barreiras sociais.