Atacado un buque de guerra dos EUA e varios barcos de carga no Mar Vermello
O Pentágono confirmou os ataques nestas augas onde medra a tensión pola guerra de Gaza

Un buque de guerra dos Estados Unidos e varios barcos comerciais foron atacados este domingo no Mar Vermello, en Oriente Medio, segundo informou o Pentágono.
De acordo coa cadea ABC News, o destrutor USS Carney "derrubou varios drons que ían na súa dirección desde áreas controladas polos xutís no Iemen".
A Mariña británica tamén informou "dun ataque por parte de sistemas aéreos non tripulados" no Mar Vermello, en concreto nas proximidades de Bab el-Mandeb, preto das costas do Iemen, e instou os buques que navegan pola zona a "tomar precaucións".
Ataques contra buques comerciais
Os rebeldes xutís do Iemen, apoiados por Irán, reivindicaron ataques con mísiles e drons contra os buques de carga Unity Explorer, con bandeira das Bahamas, e Number 9, de Panamá, mentres transitaban por estas augas, escenario dunha crecente tensión pola guerra na franxa de Gaza.
O voceiro militar dos xutís, Yahya Sarea, dixo nun discurso televisado que os insurxentes "levaron a cabo unha operación contra dous barcos israelís" no estreito de Bab el-Mandeb, e identificounos cos mesmos nomes.