Un bar de Covas, en Ferrol, sortea un clásico 4 Latas entre a súa clientela
Luis é un nostálxico, e en cuestión de coches ten predilección polo Renault 4, popularmente coñecido como 4 Latas. Lémbralle o que tivo seu pai cando el era neno. Este mercoullo a un veciño de Covas, en Ferrol, que o coidara ao máximo.
"O coche ten 30 anos e está en perfecto estado. Era unha persoa que o coidaba moito. incluso din que cando chovía non o sacaba da casa e pedíalle a un fillo que o levara facer os recados", explica Luis López, encargado do Bar Terra de Mar.
Con apenas 118.000 km é todo un clásico que conserva as pezas orixinais. Agora Luis vai sortealo entre a clientela do seu local.
"Estamos a uns 50 metros do camping de aquí e a 50 das praias como a do Vilar, San Xurxo ou Esmelle". Unha zona frecuentada por turistas e visitantes. Con todo, Luis confía en que quede en Covas por onde leva circulando 30 anos. "O sorteo é de xeito presencial, así que vai ser difícil que alguén leve un boleto para non poder vir".
Haberá que agardar ata o 6 de setembro para descubrir cal será o destino final do icónico 4 Latas de Covas.