Un aparatoso accidente en Pontevedra remata cun coche "voando" por riba doutros
Non houbo máis que lamentar unha ferida leve tras o curioso sinistro
Unha muller quedou ferida leve tras unha saída da vía moi aparatosa en Pontevedra. O seu vehículo percorreu sen causa aparente bastantes metros por unha zona verde para rematar caendo enriba doutros coches estacionados nun aparcadoiro.
O suceso sorprendeu sobre todo os propietarios e empregados dun taller situado xunto á rotonda de Praceres da estrada PO-546 que une Marín e Pontevedra.
Por sorte non houbo que lamentar máis danos persoais que as leves feridas da condutora do coche que rematou enriba de varios vehículos. Nin os coches estacionados no aparcadoiro público nin os do establecemento de reparacións albergaban xente nese momento, o que evitou males maiores.
Por causas que se descoñecen, o vehículo automático non freou e tras saír da vía percorreu bastantes metros ata practicamente voar por riba dos outros causándolles importantes danos.
Ao lugar acudiron varios efectivos da Policía Local para levantar o preceptivo atestado. A muller lesionada, duns 40 anos e propietaria do vehículo do que dispoñía dende hai tan só un par de semanas, non sabía explicar moi ben que acontecera e como lle fora imposible frear ata que xa quedou encaixada no aparcadoiro.