Fai un ano do crime do carniceiro da praza de Santiago, co xuízo previsto para xaneiro
O xurado popular terá que decidir se foi homicidio ou asasinato, como pide o avogado da vítima
Hai dous mozos en prisión, un deles supostamente golpeouno cun pau de ferro, mentres o outro o tiña inmobilizado no chan
Homicidio para a Fiscalía, asasinato para a acusación...
"Imos pedir asasinato, mesmo con aleivosía sobrevida e tamén consideramos que se dá a característica de asañamento. Cremos que os feitos son realmente o que merecen", argumenta Luciano Prado, avogado da familia da vítima.
E un delito de lesións, segundo a defensa dos dous acusados, dous mozos de orixe venezolana que están en prisión dende aquela desgraciada madrugada.
Kevin Martín Guillén e Carlos Eduardo Yepez enfróntanse a unha pena de dezaseis anos polo último crime que conmocionou Compostela, unha cidade de poucos sobresaltos deste calibre.
Antonio Costa, o Muñico, era unha persoa recoñecida, con anos de oficio ao lombo.
"O mercado perde un valor importante, un activo importante porque ese coñecemento que arrastra a familia Muñico estaba depositada en Antonio. Comprar carne pódese comprar en calquera sitio pero a carne dun artesán coma Antonio non", lamenta José Bermúdez, praceiro.
"Meu pai chegaba todas as mañás cedo á praza porque era a súa vida, os seus clientes eran a súa segunda familia. Nunca, nunca a violencia é a solución", engade Gloria Costa, a filla do carniceiro.
Menos aínda unha discusión que nunca debeu pasar do intercambio de palabras. Que pasou logo aquel 12 de novembro de 2024? O testemuño con máis valor, no que se apoia o fiscal, é o do garda de seguridade da praza, que tamén resultou ferido cando quixo axudar a vítima.
Segundo o seu relato, o Muñico encarouse cos seus agresores fóra do recinto, pero a pelexa seguiu dentro, onde forcexaron. O carniceiro colleu un cepillo con pau, supostamente para se defender, pero todo virou na súa contra.
Carlos Yépez golpeouno con forza e tirouno ao chan. Cando o tiña inmobilizado, o seu compañeiro, Kevin Guillén, deulle polo menos dous golpes coa barra de ferro do cepillo de limpeza que puideron ser definitivos. Segundo contou o vixilante, escoitou que Carlos Yépez dicía "matáchelo".
"Entendemos que é unha única acción feita por dúas persoas. Colleron a esta persoa dunha forma salvaxe e foi precisa a acción dun para que o outro a levase tamén a cabo", explica Prado.
A autopsia confirmaría despois que Antonio Costa morreu dunha lesión no cranio e outra no cerebro. Un xurado popular terá que decidir se tivo opcións de se defender ou non. O xuízo comezará o 26 de xaneiro, un ano, dous meses e catorce días despois do crime.