Un accidente múltiple na ponte de Rande provoca quilómetros de retencións en sentido Pontevedra
Os atascos chegan case ata a saída de Vigo en pleno inicio da ponte das Letras Galegas
A circulación foi restablecida tras algo máis dunha hora

Un accidente múltiple ocorrido na ponte de Rande, con polo menos tres coches implicados e unha persoa ferida leve, provocou este xoves varios quilómetros de retencións na AP-9 en sentido a Pontevedra.
Segundo informan fontes dos servizos de emerxencias, sucedeu sobre as 15:25 horas deste xoves nun dos carrís centrais da ponte. A retención chegaba case ata a saída de Vigo e non foi ata algo máis dunha hora despois cando a circulación quedou restablecida.
O sinistro, segundo indicaban varios particulares á central de emerxencias, produciuse por alcance. Unha persoa resultou ferida leve, pero todos os implicados estaban liberados e accesibles.
No punto interveñen a Garda Civil de Tráfico, o servizo de mantemento da autoestrada e os efectivos de Urxencias Sanitarias-061 cunha ambulancia.