A Televisión de Galicia retransmitirá quince partidos de Liga do Deportivo
A canle pública emitirá tamén outros cinco partidos do Dépor Abanca da Primeira División feminina
A TVG tamén retransmitirá o trofeo Teresa Herrera, que se xogará este sábado 9 de agosto
A Televisión de Galicia retransmitirá, a través da súa primeira canle, un total de 15 encontros do Real Club Deportivo da Coruña, da Segunda División, durante a tempada 2025-2026.
A través dun acordo de emisión, a TVG acompañará o conxunto herculino nunha tempada que arrincará o 15 de agosto e contará coa participación de 22 equipos. O obxectivo do Deportivo será loitar polo retorno á Primeira División, xa sexa acadando unha das dúas primeiras prazas da clasificación ou mediante a promoción de ascenso.
Así mesmo, a canle pública retransmitirá tamén cinco partidos do Dépor Abanca, que compite na Primeira División do fútbol feminino.
A TVG tamén retransmitirá este sábado, 9 de agosto, o Trofeo Teresa Herrera. A 13ª edición feminina disputarase ás 17:00 horas entre o Dépor ABANCA e o SC Braga, e poderá seguirse en directo a través da plataforma galega.gal. Pola súa parte, a 80ª edición masculina, que enfrontará ao Deportivo da Coruña co Le Havre AC, celebrarase ás 20:00 horas e será retransmitida pola TVG1.