Trump ve a súa imputación como unha manobra contra a súa candidatura
O expresidente carga contra o xuíz, o fiscal e o presidente tras pasar polo tribunal
Acusado de 34 delitos por 3 pagamentos secretos para ocultar escándalos
Xornada de portadas históricas na prensa e de coberturas extraordinarias nos informativos estadounidenses. Tocaba analizar o primeiro paso dun dos seus presidentes polo banco dos acusados.
Pero a primeira análise foi a do propio Trump. Nada máis aterrar na Florida, arroupado polos seus incondicionais, co eco aínda dos 34 delitos que lle acababan de comunicar e en horario de máxima audiencia, o republicano declarábase unha vítima.
"O único crime que cometín foi defender a nosa nación daqueles que queren destruíla", dixo Trump, antes de cargar contra un xuíz que. segundo cre, o odia e contra unha esquerda "lunática e radical" supostamente empeñada en frustrar a súa candidatura presidencial.
"Este caso falso foi creado para interferir nas eleccións de 2024 e debe ser retirado de inmediato", dixo o expresidente dos EUA.
"Só estamos asegurándonos de que todos son iguais ante a lei", explicaba o fiscal Alvin Bragg, "non importa cantos cartos ou canto poder teña".
Bragg acusa a Trump de ocultar con empresas fantasma e documentos falsos os pagos a cambio do seu silencio a unha actriz porno, a unha exmodelo de Playboy e a un porteiro que pretendía desvelar a existencia dun fillo fóra do matrimonio. Todo no contexto dunha campaña electoral.
"O que en realidade se investiga son crimes fiscais ou electorais", conta esta analista. "No fondo do que se trata é de se Trump intentou enganar o electorado".
As acusacións reforzaron, polo menos a curto prazo, as aspiracións de Trump á Casa Branca. Moitos dos seus simpatizantes están convencidos de que hoxe é máis forte.
Pero queda ano e medio para os comicios: antes, Trump terá que volver comparecer para que o xuíz lle diga se mantén ou non vivo o caso. Será o 4 de decembro, xusto antes das primarias para que os republicanos elixan candidato.