Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump suaviza as sancións, e petroleiras como Repsol poderán operar en Venezuela

Trump suaviza as sancións, e petroleiras como Repsol poderán operar en Venezuela

EUA outorga novos permisos, pero se manteñen estritas condicións de control 

A petroleira española poderá aumentar a súa produción

G24.gal 13/02/2026 18:06

O Departamento do Tesouro de EUA anunciou este venres dúas novas licenzas que rebaixan aínda máis as restricións para que petroleiras foráneas operen en Venezuela e outorgan tamén permisos a cinco empresas, entre elas a española Repsol, aínda que baixo estritos controis.

Repsol poderá aumentar a súa produción 

Malia que as dúas licenzas seguen sen eliminar o marco de sancións estadounidenses, que pesan sobre Venezuela, facilitan que empresas estranxeiras poidan extraer cru nese país ou que aquelas que xa o fan, como Repsol, aumenten os seus investimentos de capital e a súa produción de maneira significativa.

O anuncio enmárcase no acordo ao que chegou Washington co Goberno da presidenta encargada de Venezuela, Delcy Rodríguez, para reabrir o mercado petroleiro local tras a captura, o pasado 3 de xaneiro, do presidente Nicolás Maduro por tropas estadounidenses. 

A primeira licenza, anunciada pola Oficina de Control de Activos Estranxeiros, autoriza cinco grandes compañías (Chevron, BP, Eni, Shell, e Repsol) a realizar transaccións relacionadas con operacións de hidrocarburos con Petróleos de Venezuela (PDVSA) ou calquera outra entidade pública dese país. O permiso esixe que calquera contrato cumpra a xurisdición estadounidense e que todos os pagos a individuos "bloqueados" pola OFAC (que segue mantendo as sancións sobre individuos e entidades venezolanas) se realice a contas designadas polo Tesouro estadounidense.

Prohibidas as transaccións con Rusia e A China 

A segunda licenza permite negociar e asinar contratos de investimentos futuros que estarán condicionados pola concesión ou non de permisos específicos da OFAC.​ Tamén prohibe especificamente calquera transacción que involucre unha persoa ou entidade ligada a Rusia, Irán, Corea do Norte, Cuba e A China, así como a embarcacións sancionadas por Washington.

Os permisos expedidos este venres permitirán a empresas como Repsol e a italiana Eni, que xa teñen importantes operacións no terreo gasístico, producir petróleo a grande escala. O conselleiro delegado de Repsol, Josu Jon Imaz, declarara na Casa Branca en xaneiro que a empresa estaba xa preparada para "investir con forza en Venezuela" e multiplicar por tres a súa produción no país caribeño, ata chegar aos 135.000 barrís diarios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade