Trump prevé que o estreito de Ormuz estea completamente aberto o venres
REUTERS/Stringer
O presidente estadounidense, Donald Trump, sinalou este luns que o estreito de Ormuz xa está parcialmente aberto e confiou en que o estea completamente este venres en canto remate o traballo de desminado.
Así o afirmou ante a prensa na reunión bilateral que mantivo co mandatario francés, Emmanuel Macron, pouco antes do inicio oficial do cumio do G7 en Évian (Francia), que concluirá o mércores e onde Irán acaparou o protagonismo da xornada.
Este luns o líder republicano afirmara na súa rede, Truth Social, que xa había barcos que estaban saíndo de Ormuz, moitos deles cargados de petróleo.
"O venres estará completamente aberto", engadiu no seu encontro con Macron.
Hoxe mesmo o vicepresidente estadounidense, JD Vance, avanzara que Estados Unidos e Irán asinaron "onte" domingo "virtualmente" o acordo de paz, cuxa formalización está prevista para este venres nun acto en Xenebra.
"Pode que eu estea implicado, pode que non", dixo Trump, que sinalou que Vance acudirá expresamente para a sinatura e que el "probablemente" xa non estará en Europa para entón.
Na súa mensaxe apuntou que o memorando de entendemento alcanzado con Teherán farase público "proximamente" e sinalou unicamente que é un documento "moi potente": "O acordo con Irán vai traer moito éxito ao mundo, porque o petróleo estivo realmente bloqueado durante un tempo", dixo.
Trump considerou que non cre que o seu país vaia necesitar moita axuda estranxeira porque o pacto xa establece que o estreito será unha zona aberta e libre de peaxes.
"Así que non creo que vaiamos necesitar moita axuda, pero tampouco me parece mala idea ter un ou dous barcos aí dalgúns países; vostedes serían un gran país para facelo, porque nunca se sabe o que pode pasar, pero creo que vai estar aberto e que haberá libre navegación", sinaloulle a Macron.
O mandatario estadounidense apuntou a súa intención de centrarse no conflito ucraíno tras o peche do acordo con Irán, e puxo tamén o seu foco no Líbano.
"Tamén queremos ver se podemos encarreirar a situación do Líbano, porque parece non rematar nunca, e é unha versión en pequeno do que estabamos facendo. Non debería ser difícil, non debería ser difícil, así que xa veremos"; concluíu.