Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os EUA e Irán anuncian un acordo de paz tras máis de 100 días de guerra

Os EUA e Irán anuncian un acordo de paz tras máis de 100 días de guerra

Washington levantará a cambio o bloqueo naval imposto nos portos iranianos

Paquistán, que actúa como mediador, confirma que o acordo se anisará en Suíza o 19 de xuño e que pon fin a tres meses de conflito

Israel non abandonará as súas posicións no sur do Líbano, asegura o seu ministro de Defensa

O acordo entre EUA e Irán impulsa as bolsas e fai caer o prezo do petróleo

Impacto dun ataque israelí en Nabatieh, O Líbano (Reuters)
G24.gal 14/06/2026 23:38 Última actualización 15/06/2026 10:37

Os Estados Unidos e Irán anunciaron este domingo un acordo para poñer fin á guerra e reabrir o estratéxico estreito de Ormuz tras máis de 100 días dun conflito que xerou graves perturbacións no mercado global do petróleo.

Paquistán, que exerce como mediador entre Washington e Teherán, anunciou que ambas as partes asinarán o vindeiro venres 19 de xuño en Suíza un memorando de entendemento para poñer fin a todas as hostilidades, aínda que se descoñecen polo de agora os detalles concretos do acordo.

O pacto, que o presidente estadounidense Donald Trump fixera presión para que se anunciase este domingo día do seu 80 aniversario, chega tras varias semanas de intercambios de borradores e declaracións contraditorias entre ambas as partes.

O acordo busca poñer fin á guerra iniciada o pasado 28 de febreiro, cando unha ofensiva dos Estados Unidos e Israel ocasionou a morte do líder supremo da República Islámica, o aiatolá Ali Khamenei, no poder desde 1989.

Irán, que nomeou como sucesor o seu fillo Mojtaba Khamenei, respondeu con ataques contra Israel e países da rexión que albergan bases estadounidenses, alén de pechar o paso polo estreito de Ormuz, por onde transitaba o 20 % do cru mundial.

Trump, que prometera que a guerra terminaría en cinco semanas e derivaría nun cambio de réxime en Irán, viuse forzado a negociar con Teherán unha saída ao conflito, aburado por unha escalada do prezo da gasolina ás portas das eleccións de medio mandato de novembro nos Estados Unidos.

Inmediata apertura de Ormuz

Segundo anunciou o propio Trump na rede social Truth Social, o acordo permitirá a reapertura de Ormuz e, a cambio, Os Estados Unidos levantarán o bloqueo marítimo que impoñen desde abril sobre os buques que saen e entran de portos iranianos.

"O acordo coa República Islámica de Irán xa está completo. Felicitacións a todos! Pola presente, autorizo plenamente a apertura sen peaxe do estreito de Ormuz e, simultaneamente, autorizo o levantamento inmediato do bloqueo naval dos Estados Unidos. Buques do mundo, arrinquen os seus motores! Que flúa o petróleo!", escribiu en Truth Social antes de celebrar o seu 80 aniversario cun combate de artes marciais mixtas da UFC na Casa Blanca.

O primeiro ministro paquistaní Shehbaz Sharif, salientable mediador nos últimos meses, explicou que, tras a firma da próxima semana, comezarán as conversacións técnicas para implementar o acordo.

Segundo Sharif, ambas as dúas partes declararon a terminación inmediata e permanente das operacións militares en todas as frontes, incluída a ofensiva israelí no Líbano.

Este mesmo domingo, Trump reprendería ao seu aliado, o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu, polo ataque israelí contra Beirut.

O vicechanceler iraniano, Ali Gharaibabadi, confirmou que o texto do memorando de entendemento foi completado e asegurou que pronto será publicado para que o pobo iraniano poida consultar os logros alcanzados, segundo relatou a axencia de noticias iraniana Fars.

Advertiu, con todo, que Irán responderá decisivamente onde queira que haxa un incumprimento por parte de Washington.

Pola súa banda, a Secretaría do Consello Supremo de Seguridade Nacional de Irán informou nun documento de que a guerra e as operacións militares en todas as frontes, incluído o Líbano, finalizarán de xeito inmediato e permanente a partir desta noite e o bloqueo marítimo contra Irán será levantado de forma inmediata e completa.

Incógnitas do acordo

A pesar do anuncio do acordo, permanecen moitas incógnitas sobre os detalles do memorando.

A administración estadounidense fixara como principal obxectivo das negociacións lograr que a República Islámica renunciase a calquera ambición de obter unha arma nuclear e cedese aos Estados Unidos o seu material enriquecido para a súa destrución.

Irán, que sempre sostivo que o seu programa nuclear ten fins pacíficos e científicos, esixiu aos Estados Unidos o levantamento de sancións económicas e a liberación de miles de millóns de dólares en fondos iranianos bloqueados, pero Washington descartou ata o de agora facilitar a entrega de diñeiro a Teherán. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade