Trump, culpable de abusar sexualmente da escritora E. Jean Carroll
O xurado alcanzou o veredicto en tempo récord
O expresidente dos Estados Unidos dixo que "non coñecía" a escritora e que o veredicto "era unha vergonza"
O xurado declara culpable a Donald Trump de abusar sexualmente da escritora E. Jean Carroll. Tamén o condena por difamación pero non o fai por violación.
O xurado de Nova York chegou a un veredicto en tempo récord. Necesitou menos de tres horas para chegar a un acordo unánime. Trump terá que pagar ademais dous millóns de dólares de indemnización.
Carrol acusaba a Trump de que a violara no probador dun comercio de Nova York a mediados dos anos 90. Tamén o acusaba de difamala cando ela decidiu facer pública a denuncia nun libro publicado en 2019.
O expresidente dos Estados Unidos non acudiu ao xuízo, mentres que a escritora estivo en todas as sesións durante as dúas semanas que durou.
Donald Trump tras coñecerse o veredicto dixo que non "coñecía a escritora" e considerou unha "vergonza" o veredicto do xurado. "Non teño nin idea de quen é esta muller. Este veredicto é unha vergoña, a continuación da maior caza de bruxas de todos os tempos".
Esta é a primeira ocasión en que Trump é condenado despois de deixar a presidencia do país, aínda que o pasado xaneiro a súa empresa, a Organización Trump, foi sentenciada a pagar 1,61 millóns de dólares por unha trama de evasión fiscal.