Trinta concellos únense contra os plans de Renfe para a estación da Gudiña
Denuncian que, a partir do 9 de xuño, redúcense as frecuencias con Madrid e cambian os horarios, complicando a mobilidade dunha área de 260.000 habitantes
O tren das nove e cuarto da mañá é un dos que pasarán de longo na Gudiña a partir do 9 de xuño, ao igual que o das oito e media. Os usarios da estación Porta de Galicia non poderán coller ningún tren para Madrid ata as 12 do mediodía.
"Ás localidades da alta Seabra tamén nos inflúe moito. Hai xente que vai a Madrid e vén incluso a diario e non imos ir coller o AVE a Ourense ou a Zamora, porque para iso levamos o coche", sinala un afectado.
As frecuencias diarias entre A Gudiña e Madrid reduciranse de once a oito, pero non é iso o que máis enfada os pasaxeiros, senón os horarios, que impedirán ir e vir no mesmo día.
"Hai xente que marcha pola mañá traballar e regresa pola tarde, polo cara que está a vivenda en Madrid". "Tamén hai xente que quere ir e vir no mesmo día, e iso vai ser imposible".
Os concellos das zonas afectadas van tratar de impedilo. Redactaron un escrito dirixido a Renfe no que falan de illamento do rural. Asinan unha trintena de alcaldes de Ourense, Zamora e norte de Portugal.
Néstor Ogando Blanco, alcalde da Gudiña: "Estamos falando dunha área de influencia de 260 mil a 300 mil potenciais usuarios. Isto é unha aberración, un disparte, porque nos sacan os trens que realmente nos fan o servizo".
Para o sábado teñen prevista unha concentración baixo o lema "Se non para o tren, pechamos a porta".