Tres rapaces ucraínos comezaron este mércores as clases, dúas semanas despois da súa chegada a Monforte
Tres rapaces ucraínos comezaron este mércores as clases, dúas semanas despois da súa chegada a Monforte
Dúas nenas e un neno ucraínos tiveron hoxe o seu primeiro día de clase e estarán acompañados por outros alumnos durante o período de adaptación
As tres familias chegaron á localidade grazas á solidariedade de tres amigos
Chegaron hai dúas semanas a Monforte de Lemos dende Polonia. Son tres familias de refuxiados ucraínos, tres nais e tres rapaces, que grazas á solidariedade de varios veciños da localidade fuxiron da guerra para comezar unha nova vida. E hoxe as dúas nenas e o neno tiveron o seu primeiro día de clase, cos nervios e a emoción propios dun día coma este.
Esta mañá, ás portas do Colexio Escolapios de Monforte de Lemos repetiuse unha imaxe que estamos acostumados a ver o primeiro día de clase, propia do inicio do curso escolar. Alumnos e nais e pais agardando no patio a que soe o timbre. Pero desta volta Victoria, Alona e Iryna, tres nais ucraínas, eran as que agardan a que os seus fillos comezaran o colexio, dúas semanas despois da súa chegada. Explica o director do colexio, Pablo Blanco, que na xornada de onte unha das rapazas, que cursará 2º ESO, xa coñeceu a súa aula e hoxe tocáballe aos outros dous cativos. "En canto fomos polas aulas a resposta dos seus compañeiros foi alucinante", di emocionado Pablo Blanco.
Vika e Vlad coñeceron esta mañá a súa clase de 5º de primaria e os seus compañeiros, acompañados de tres rapazas que farán de guías nestes primeiros días de adaptación. "Penso que son alumnos que aprenderán moi rápido o castelán. No caso do neno, Vlad, xa ten un dominio do inglés moi bo, o cal xa é un nexo de unión" di o director, pero avisa tamén que irán con calma e moi pouco a pouco. "Sobre todo, darlle acollida e que se sintan ben e logo a parte académica xa irá saíndo" puntualiza.
Os tres, terán amais terán clases extra a partir da volta das vacacións todos os días como reforzo para aprender o idioma, grazas á colaboración dunha profesora xubilada do colexio. Unha barreira, a do idioma, que as nais dos rapaces tamén intentan remediar. As tres familias ucraínas Chegaron a Monforte grazas á solidariedade de tres amigos: Paula, David e Candela que lles deixaron un piso que estaba baleiro, e tamén grazas aos veciños da localidade que colaboraron para equipar a vivenda.
Lembra David López que "percorreron Monforte na procura de mobles e de todo, e nun récord de cinco días tiñamos o piso amoblado". "Foron semanas de integración, de descanso para eles, de convivir e de ver que se sentiran arroupados e que había cariño" di Paula Eiriz, unha das persoas que fixo posible a chegada das tres familias ucraínas. E no proceso de adaptación, están "aprendendo o castelán, tanto as nais como os nenos" explica Candela Iglesias e engade que con intuición fan "o que poden" para entenderse.
Para iso Victoria, Alona e Iryna precisan facer un curso de castelán, que aínda non puideron comezar ata que consigan unhas tabletas ou ordenadores portátiles que lles sirvan de soporte. Mentres seguirán aclimatándose a Monforte e a Galicia.