Tres partidos de sanción para Renato Tapia, pola expulsión e polo menosprezo ao árbitro
O Celta recorrerá a sanción
Tamén foi sancionado con dous partidos o adestrador do Celta B, Claudio Giráldez
O xogador do Celta, Renato Tapia, terá que cumprir tres partidos de sanción tras a súa expulsión fronte á Real Sociedade, sumada ás palabras que lle dirixiu ao colexiado do encontro, Miguel Ángel Ortiz Arias, e que este recolleu na acta do choque.
O internacional peruano, que saíra desde o banco, apenas estivo sete minutos no campo antes de ver dúas tarxetas amarelas consecutivas. A expulsión válelle un partido de sanción, pero a maiores súmanselle dous polo que lle dixo ao colexiado unha vez vira xa a vermella: "Que prepotencia!".
Considérase que isto está enmarcado dentro das "actitudes de menosprezo ou desconsideración cara aos/as árbitros/as, directivos/as ou autoridades deportivas", polo que se castiga con outros dous partidos adicionais, segundo reflíctese nos acordos do Comité de Competición.
A primeira amoestación do centrocampista chega por "pisar a un adversario de maneira temeraria", segundo reflecte o colexiado por escrito.
A segunda, xusto despois, mostroulla, segundo el mesmo redacta no documento do partido, polo seguinte: "Poñer obxeccións a unha decisión miña, tras ser amoestado".
Despois, noutras incidencias, o madrileño plasmaba as palabras que lle custan dous partidos máis. "Unha vez expulsado, e estando aínda sobre o terreo de xogo, Renato Tapia dirixiuse a min nos seguintes termos: "Que prepotencia!".
Tamén foi sancionado con dous partidos o adestrador do Celta B, Claudio Giráldez, pola expulsión no partido ante o Alcorcón.