Tres mortos nun dobre tiroteo en Rotterdam
O presunto autor, de 32 anos, xa foi detido
Tres persoas morreron este xoves á tarde en dous tiroteos rexistrados na cidade holandesa de Rotterdam. Os falecidos son unha muller que vivía no campus universitario, a súa filla e un profesor da Facultade de Medicina. O presunto autor dos feitos era estudante no mesmo centro e xa foi arrestado.
O detido, estudante universitario de 32 anos, disparoulle primeiro á muller, de 39 anos, que vivía na súa veciñanza. Logo feriu gravemente a súa filla de 14 anos, que foi inmediatamente trasladada ao hospital e morreu pouco despois pola gravidade das feridas.
Tras prenderlle lume á casa, o agresor dirixiuse ao hospital universitario, entrou nunha aula e disparou contra un profesor de 46 anos. Logo prendeulle lume a unha sala.
"Oímos que había un tiroteo", conta unha traballadora do centro. "Primeiro dixéronnos que quedásemos dentro, pero, de súpeto, que saísemos. Estaba traballando con nenos e tivemos que sacalos fóra".
O son dos disparos desatou o pánico no centro universitario ao tempo que un amplo dispositivo policial, con equipos de arresto fortemente armados, rodeaba o lugar.
O presunto autor dos disparos foi logo detido na azotea do centro hospitalario, onde se atrincheirara.
O voceiro da policía holandesa Fred Westerbeke conta que, cando o detiveron, o agresor levaba unha arma no peto e un chaleco antibalas. "Segundo a investigación que coñecemos, podemos confirmar que o sospeitoso actuou só", afirmou.
De momento, descoñécese o móbil dos ataques, pero descártanse motivacións políticas ou terroristas. Ao parecer, o detido era un vello coñecido das forzas da orde e en 2021 fora procesado e condenado por maltrato animal.