Tres mortos e un desaparecido, balance provisional do temporal en España
Entre os mortos están un montañeiro sepultado por un alude no Pirineo e un home que practicaba kitesurf en Murcia
A neve mantén pechadas ao tráfico 53 estradas da rede secundaria e noutras 19 son necesarias as cadeas
O temporal deixa xa tres persoas falecidas. En Murcia, un home de 73 anos morreu mentres practicaba kitesurf na Manga do Mar Menor. En Huesca, foi atopado xa un montañeiro que quedou atrapado por un alude de neve. En Andalucía, o temporal deixou ao seu paso unha persoa morta e numerosos estragos.
Mentres, no concello tinerfeño de Tacoronte, unha onda arrastrou unha muller que paseaba polo peirao de Mesa de Mar. Un amplo dispositivo por terra, mar e aire trata de dar co seu paradoiro.
As novas borrascas que chegan do Atlántico prolongan un día máis a inestabilidade en toda España. Durante esta xornada, doce comunidades autónomas manteñen activa a alerta por chuvias, ventos ou mal mar, en catro delas en nivel laranxa.
Na localidade gaditana de Xerez, a enchente do río Guadalete obrigou a evacuar 14 veciños, que foron realoxados en instalacións municipais ou casas de familiares.
Súmanse aos outros 250 veciños desaloxados na desembocadura do río Guadarranque, no concello de San Roque, tamén na provincia de Cádiz.
A neve mantén pechadas ao tráfico 53 estradas da rede secundaria e noutras 19 son necesarias as cadeas para circular.
Aragón, Asturias, Castela e León e Comunidade Valenciana son as máis afectadas.
Esta fin de semana o temporal dará unha tregua no sur e na zona do Mediterráneo.