Publicador de contidos

Publicador de contidos

Traballadores do transporte de viaxeiros da Coruña votan este mércores a desconvocatoria da folga

Traballadores do transporte de viaxeiros da Coruña votan este mércores a desconvocatoria da folga

Colocaranse urnas nas estacións de Santiago, Ferrol, A Coruña e Carballo

O preacordo, do que se descolgou a CIG, foi asinado por representantes de UXT e CC. OO.

 

A estación de autobuses de Santiago coas plataformas baleiras coincidindo cunha das xornadas de folga A estación de autobuses de Santiago coas plataformas baleiras coincidindo cunha das xornadas de folga
G24.gal 03/02/2026 11:33

Traballadores e traballadoras do transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña están convocados  a asembleas para expoñerlles, por parte dos representantes sindicais da CIG, UXT e CC. OO., o preacordo alcanzado coa patronal, que non asinou a central nacionalista por entender que os avances son "mínimos".

Serán asembleas separadas por parte dos sindicatos e cunha votación fixada para este mércores, día no que se colocarán urnas nas estacións de Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña e Carballo. Nelas, decidirase se se desconvoca a folga indefinida ou se mantén a proposta inicial.

Este luns as centrais acordaron a suspensión do paro á espera do que decidan as asembleas, tras un preacordo subscrito por UXT e CCOO coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais.

Unha oferta "insuficiente" en opinión da CIG

A CIG xustifica a súa decisión de non asinar o preacordo por considerar que non inclúe "avances salariais nin laborais". Ao seu xuízo, o texto pactado "non cumpre os obxectivos marcados".

A central nacionalista considera insuficiente a oferta da patronal, cun incremento do 3,4 % para os anos 2025 e 2026 en liña co IPC por "non recuperar o poder adquisitivo perdido". Para o próximo ano, as empresas ábrense a revisar as táboas se a inflación real supera esa porcentaxe. A xornada anual que se pacta queda fixada en 1.800 horas.

A CIG ve "mínimos" os avances e cuestiona que non se negociaran, aspectos como o complemento de nocturnidade, a ampliación de permisos ou a mellora das coberturas nas situacións de incapacidade temporal, entre outros.

Segundo UXT Transportes, "o paquete global supera as expectativas" en relación aos acordos alcanzados.

Entre eles, a subida salarial anual prevista, o recoñecemento dos festivos con bonificación dos mesmos ou que a xornada continua se inclúa no convenio. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade