Transportistas autónomos e pemes convocan un paro indefinido en apoio aos agricultores
A iniciativa non conta co apoio das patronais que agrupan as grandes empresas do sector

A Plataforma Nacional para a Defensa do Sector do Transporte, que agrupa miles de transportistas por estrada autónomos e pemes, convoca un paro nacional indefinido a partir do próximo sábado 10 de febreiro.
Así o anunciou este luns a mesma plataforma que en marzo de 2022 xa promoveu unha folga de vinte días que chegou a poñer en xaque a cadea de distribución do país.
A convocatoria prodúcese a pesar de non contar co apoio das patronais que agrupan as grandes empresas do sector.
Este paro, convocado xunto a agricultores e gandeiros, está aberto todos os movementos e sectores que o consideren oportuno, segundo indica a plataforma convocadora, que tamén pide o apoio e a participación da sociedade civil.
O lugar de concentración e a hora de inicio en Madrid saberase nos próximos días.
Sobre este anuncio, o ministro de Transporte, Óscar Puente, dixo este luns que calquera paro que se convoque actualmente no sector do transporte "está absolutamente inxustificado".
A Confederación Española de Transporte de Mercadorías (CETM) subliña que seguirá apostando polo diálogo e a negociación co Ministerio de Transportes "para facer fronte aos problemas que axexan ao sector" do transporte de mercadorías por estrada.