Transportes quere habilitar o próximo inverno o viaduto que quedou en pé na A-6
Usaríase nos dous sentidos da circulación como se facía antes de que caera a ponte do Castro
Pola súa banda, os transportistas din que non van permitir que os desvíen por Ourense para acceder á Meseta
A alternativa pola N-120 se neva en Pedrafita non convence os transportistas
Transportes quere reabrir ao tráfico a ponte xemelga da que caeu na A-6.
"Xa a usabamos antes de que caera a ponte, non sei por que agora non", conta un camioneiro.
Pechouse por precaución tras a derruba do outro viaduto. Reabriríase o próximo inverno.
"Cando din un ano, serán dous, e eu que subo tres veces por semana, mira que custos", desconfía outro camioneiro.
Desde a Xunta acusan o Ministerio de improvisar, esixen transparencia, xa que seguen sen aclarar as causas da derruba.
"Si se sabe cando se vai abrir o viaduto xemelgo, pero aínda non se saben as causas, é algo que nos sorprende. Se non se saben as causas parece unha insensatez", dixo a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
De momento os transportistas terán que botar máis tempo na estrada. Os días que neve cortaráselles o paso na A-6 entre Lugo e O Bierzo, terán que dar un rodeo de 50 quilómetros para acceder á Meseta.
"Fan eles a chapuza e os problemas os pagamos os demais, sabían de sobra que esa subida é imposible no inverno", son as queixas dun dos camioneiros afectados.
Por iso o sector avisa.
"Faremos o que sexa, pero non o vamos permitir non estamos dispostos a seguir perdendo cartos", así o explica Diego Arias, o presidente de Aetram.
Transportes defende que a ruta por Ourense é a máis segura, sen as pronunciadas pendentes do treito de Pedrafita.