Tráfico intensifica os controis de alcol e drogas en todas as vías polo Nadal
Desde este luns 15 ata o domingo 21 desenvólvese a campaña especial de Nadal de controis en todas as estradas
"Os condutores teñen que entender a mensaxe contundente de que condución e o consumo de alcol e as drogas son totalmente incompatibles", asegura Javier Barja, o capitán xefe do Subsector de Tráfico de Ourense
Coa chegada das festas de Nadal, as ceas e xantares coa familia, amigos e compañeiros de traballo, a Dirección Xeral de Tráfico intensifica estes días os controis de alcol e drogas.
"Segue habendo bastante xente irresponsable, entón eu vexo adecuada esta campaña, debería ser máis veces no ano, no só agora en Nadal".
"Hai que mirar por un e polos demais".
Ademais da campaña especial de Nadal da Dirección Xeral de Tráfico que se estenderá desde o luns 15 ata o domingo 21, no Subsector de Tráfico de Ourense aseguran que van facer controis máis continuos ata o vindeiro 8 de xaneiro, e aos que tamén se sumarán as policías locais, nas vías urbanas.
"Controis de alcol e drogas intentámolos facer en todas as vías e a todas as horas, e os condutores teñen que entender a mensaxe contundente de que condución e o consumo de alcol e as drogas son totalmente incompatibles", asegura Javier Barja, o capitán xefe do Subsector de Tráfico de Ourense.
É que o alcol segue sendo a segunda causa máis frecuente nos accidentes de tráfico. Por exemplo, na provincia de Ourense estivo presente no 36 % dos sinistros mortais este ano.
Eladio Santos, o subdelegado do Goberno en Ourense: "No 2025 arredor dun 36 % dos sinistros mortais son causados por consumo de alcol ou drogas, son moitos, é unha porcentaxe moi elevado".
Javier Barja, o capitán xefe do Subsector de Tráfico de Ourense: "É verdade que lamentamos tristemente todos os días algún sinistro viario no que hai presenza de alcol".
"Que é incompatible consumir alcol ou drogas e conducir, é a mensaxe que hai que mandar, sobre todo, nestas datas de comidas e ceas de empresa", afirma David Llorente, o xefe provincial de Tráfico de Ourense.
E estase tramitando xa no Parlamento a taxa de 0,1 mg/l en aire expirado para todos os condutores.