Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tráfico inicia este luns en Galicia unha campaña de sensibilización sobre usuarios vulnerables

Tráfico inicia este luns en Galicia unha campaña de sensibilización sobre usuarios vulnerables

Os axentes dirixirán os seus esforzos a peóns, ciclistas e motoristas para concienciar os condutores sobre o risco da súa presenza nas estradas

Ata o 30 de abril de 2024 o 38 % dos falecidos en estradas interurbanas en Galicia foron usuarios vulnerables

G24.gal 05/05/2024 17:52

Os axentes da Garda Civil de Tráfico iniciarán este luns unha campaña de sensibilización dirixida especificamente ao colectivo de usuarios vulnerables nas estradas galegas, é dicir, peóns, ciclistas e motoristas.

A iniciativa, que se prolongará ata o domingo día 12, ten como obxectivo concienciar a peóns, ciclistas e motoristas sobre a súa propia posición vulnerable, lembrándolles a necesidade de facerse visibles con elementos e pezas reflectores, usar os sistemas de protección específicos como o casco, ou a indumentaria axeitada para circular con bicicletas e motocicletas.

A delegación do Goberno en Galicia asegura que busca sensibilizar os condutores sobre a elevada exposición ao risco destes usuarios e a necesidade de manter o nivel de alerta constante ante a súa presenza nas estradas.

Por iso, durante a campaña, lembrarán aos condutores a necesidade de reducir ou moderar a velocidade ao atoparse con usuarios vulnerables na estrada, extremar a precaución nos cruzamentos e xiros e mirar polos retrovisores con frecuencia, entre outras cuestións.

Os axentes tamén entregarán elementos reflectores de alta visibilidade ao colectivo vulnerable que se desprace por estrada sen facer uso deles e repartirán material impreso específico.

Os datos de sinistralidade mortal en vías interurbanas de Galicia de 2023 mostran que o 36 % dos falecidos foron usuarios vulnerables e o 43 % en 2022.

No que vai de ano e ata o 30 de abril das 37 persoas falecidas, sete foron peóns por atropelo, seis motoristas e un condutor de ciclomotor, o que supón un 38 % dos falecidos vulnerables en sinistros de tráfico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade