Todo listo en Lugo para as festas do San Froilán
Agárdase un 100 % de ocupación hoteleira nas datas sinaladas
O prezo do polbo nas casetas será de 12 €
As casetas do polbo son toda unha tradición do San Froilán.
Esta noite vana pasar traballando na súa montaxe para poder servir os clientes este sábado ao mediodía.
O prezo da ración é de 12 euros, igual que dende hai seis anos, e os donos das casetas agardan enchelas durante as festas e nestes días previos.
No sector hostaleiro as expectativas tamén son boas.
Xa hai numerosas reservas tanto de mesas para xantar e cear como de cuartos para pernoita. Confían en que o bo tempo previsto anime os visitantes e que nas datas sinaladas do San Froilán se acade un 100 % de ocupación hoteleira.
Os donos das barracas, que levaron a peor parte nos anos da pandemia, tamén esperan facer unha boa caixa nestas festas que pechan a temporada en Galicia.
Así que, se teñen ganas de troula, dende mañá xa poden gozar do polbo e as barracas en Lugo.