Todos os trens de Santiago a Madrid están completos para este domingo
O corredor do Eixo Atlántico aumentou nun 23 % os usuarios que tiña antes da pandemia
"Vimos de Madrid a pasar a ponte e a divertirnos un pouco, que xa tocaba. Viñemos en tren porque nos pareceu o máis rápido e seguro".
"Coa chuvia non contabamos pero así é a Galicia auténtica. Chuvia, boa comida, estamos encantados"
"Vimos de Madrid, acabamos de chegar agora e moi ben, tres horas e estamos aquí. É cómodo para viaxar con nenos", comentan varios pasaxeiros na estación de tren de Santiago.
O Eixo Atlántico moveu dous millóns e medio de viaxeiros o ano pasado, segundo o informe anual de sector ferroviario, son o dobre de usuarios que en 2021 e un 23 % máis que antes da pandemia.
"Moi doado atopar billete, compreino onte".
"Eu collo moito o tren en Galicia e a verdade é que está a tope. Estas datas está moi complicado, xa nas fins de semana cos estudantes, indo para arriba e para abaixo está complicado, pero nesta ponte está complicadiño".
"Eu nunca tiven problema, pero a verdade eu teño bono e é moi doado".
"O billete compreino a semana pasada e de prezo bastante ben".
Renfe explica que a falta de prazas, nalgúns momentos responde ao aumento da demanda tras a posta en servizo dos abonos gratuítos hai algo máis dun ano.