Publicador de contidos
Publicador de contidos

TikTok suspende o programa de puntos da versión Lite de España e Francia

TikTok suspende o programa de puntos da versión Lite de España e Francia

A Comisión Europea ameazara con multar a compañía por lanzar a nova aplicación sen publicar antes o informe de análise de risco ao que obriga a UE

G24.gal 24/04/2024 16:44 Última actualización 24/04/2024 18:39

TikTok anunciou este mércores que suspendeu o programa de puntos da versión Lite que lanzou en España e Francia, despois de que a Comisión Europea ameazara a compañía por lanzar a nova aplicación sen publicar antes o informe de análise de risco ao que obriga a UE.

"TikTok sempre busca colaborar de maneira construtiva coa Comisión Europea e outros reguladores. Por iso, suspendemos voluntariamente o programa de recompensas en TikTok Lite, mentres abordamos as preocupacións que se expuxeron", dixo a plataforma nunha mensaxe na rede social X. 

TikTok Lite permitía aos usuarios gañar puntos por ver ou publicar vídeos, por seguir creadores de contidos ou outros amigos na plataforma, coa posibilidade de trocalos posteriormente en tendas de comercio electrónico, unha práctica que a Comisión considera "adictiva" e que supón un risco, especialmente para os menores.

Bruxelas acusa a TikTok, propiedade da empresa chinesa ByteDance, de lanzar a súa versión Lite antes de publicar o informe sobre o posible risco que pode causar aos usuarios ao que obriga a nova lei de servizos dixitais da Unión Europea.

Por iso, o pasado luns ameazou con multar a TikTok cun 1 % da súa facturación anual global ou do 5 % dos seus ingresos medios en todo o mundo, máis sancións por cada día de atraso, se este martes non lle entregaba a análise de risco, algo que xa fixo, segundo confirmou a Comisión Europea.

TikTok evitou a multa, pero decidiu suspender o seu programa de puntos mentres o Executivo comunitario analiza o informe que lle presentou hoxe a Comisión. Cancelar o programa de puntos supón, na práctica, suspender a versión Lite, xa que os usuarios perderán o interese por esta nova aplicación.

O comisario europeo de Mercado Interior, Thierry Breton, asegurou nun comunicado que Bruxelas continúa analizando a información para ver se TikTok incumpriu a lei de servizos dixitais ao lanzar a aplicación sen publicar antes o informe de risco.

"Os nosos nenos non son cobaias para as redes sociais", afirmou Breton. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade