Testemuñas din que o Saltamontes carecía de documentación, pero ninguén ordenou precintalo en Vigo
O avogado da acusación asegura que as novas eclaracións constatan que a atracción nunca debeu ser instalada nas festas da parroquia viguesa de Matamá
A instrución encara a súa recta final e o tribunal prevé resolver proximamente se se transforma en xuízo ou se arquiva a causa
A instrución xudicial do accidente mortal da atracción de feira Saltamontes, en 2024, durante as festas da parroquia viguesa de Matamá, encara a súa recta final e o tribunal de instancia, praza 3, de Vigo prevé resolver proximamente se se transforma en xuízo ou se arquiva a causa.
Este xoves declararon un policía local, un bombeiro e técnicos municipais, previsiblemente as últimas dilixencias que se practican antes de que o xulgado resolva que camiño leva este caso relativo ao accidente rexistrado o 3 de agosto de 2024, no que morreu un home de 35 anos.
As acusacións sinalaron que a instrución non pode dar "moito máis de si" despois de meses de investigación sobre as causas do accidente da atracción de feira.
Así o indicou aos xornalistas o avogado Francisco Méndez, quen prevé que nun prazo aproximado de entre dúas semanas e un mes o xulgado deber resolver sobre o procedemento para seguir.
O letrado indicou que as declaracións de hoxe permitiron constatar que a atracción carecía da documentación necesaria e que, ademais, esta era "desastrosa", polo que "nunca debeu ser autorizada nin instalada".
Segundo explicou, un correo electrónico remitido pola Concellaría de Seguridade á Policía local advertía de que a atracción carecía de autorización e non concretaba unha orde que de xeito expreso determinase o seu precinto para impedir o seu funcionamento.
Na súa opinión, "non se puxeron todos os medios" para evitar o accidente, desencadeado cando un dos brazos do Saltamontes se desprendeu mentres estaba en funcionamento e esmagou un dos seus usuarios, Iván C.H., de 35 anos e residente en Vigo, natural do Bolo (Ourense). A súa parella, que o acompañaba, resultou ilesa.
Tras o sinistro, a atracción foi precintada e posteriormente retirada do recinto feiral.
O Concello de Vigo sostivo desde o primeiro momento que a atracción carecía de autorización municipal por non presentar toda a documentación requirida, e afirmou notificar por escrito esa circunstancia tanto ao titular da instalación como á comisión de festas.
Segundo o Consistorio, a Policía local acudiu ao lugar o día anterior ao accidente e non detectou actividade algunha nese momento.
Na causa están investigados o propietario da atracción, o presidente da comisión de festas de Matamá e a propia comisión como entidade; a concelleira de Seguridade e Festas do Concello de Vigo; o xefe da área de Seguridade e Mobilidade; o perito que realizou a inspección anual da atracción e o xefe da Policía Local.