Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os Estados Unidos reclasifican a marihuana medicinal para impulsar a investigación con fins terapéuticos

Os Estados Unidos reclasifican a marihuana medicinal para impulsar a investigación con fins terapéuticos

O consumo recreativo de cánnabis é legal en 24 estados dos EUA e en Washington DC, pero non a nivel federal

REUTERS/Cheney Orr REUTERS/Cheney Orr
G24.gal 23/04/2026 18:38

O Goberno dos Estados Unidos reclasificou este xoves a marihuana medicinal como unha droga de menor risco co fin de impulsar a investigación con fins terapéuticos desta substancia.

O seu uso recreativo seguirá sendo ilegal a nivel federal.

O fiscal xeral interino, Todd Blanche, informou en X de que, con este paso, o Departamento de Xustiza cumpría a promesa de "mellorar a atención médica estadounidense" feita polo presidente Donald Trump, quen en decembro pasado asinou unha orde executiva para rebaixar as restricións do cánnabis de uso medicinal.

Blanche anunciou "a reclasificación inmediata da marihuana aprobada pola Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos (FDA) e da marihuana con licenza estatal", que agora pasará da categoría I de drogas á III, menos regulada e onde se inclúe, por exemplo, a ketamina.

A categoría I está reservada para drogas sen uso médico definido e con alto potencial adictivo, como a heroína e o éxtase.

O funcionario tamén adiantou a intención de celebrar "unha nova audiencia acelerada, con prazos establecidos, para reclasificar a marihuana na súa totalidade", e que podería ter lugar en xuño próximo.

"Estas accións permitirán realizar investigacións máis rigorosas e específicas sobre a seguridade e eficacia da marihuana, ampliando o acceso dos pacientes a tratamentos e facultando os médicos para tomar decisións de atención médica mellor fundamentadas", agregou Blanche na súa mensaxe.

O consumo recreativo de cánnabis é legal en 24 estados dos EUA e en Washington DC, pero non a nivel federal.

A Administración Trump e en especial o secretario de Saúde, Robert F. Kennedy Jr., impulsaron medidas para ampliar o acceso dos investigadores a substancias restrinxidas que poidan ser usadas en tratamentos alternativos para pacientes de cancro e trastornos serios de saúde mental.

Ademais da sinatura da orde executiva o ano pasado para reclasificar o cánnabis, Trump tamén asinou este sábado unha directiva para impulsar a investigación de substancias psicodélicas como o LSD, a psilocibina e a ibogaína, como novas opcións de tratamento para persoas con enfermidades mentais graves e depresión.

A medida inclúe ademais un compromiso duns 50 millóns de dólares a través de fondos xa existentes do Departamento de Saúde para apoiar estados que desenvolvan programas con psicodélicos para enfermidades mentais graves.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade