Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tere Abelleira chega a Galicia "encantada e agradecida polo apoio"

Tere Abelleira chega a Galicia "encantada e agradecida polo apoio"

Sobre Rubiales: "Quen teña que decidir, vaino facer. Eu quero gozar deste momento"

G24.gal 24/08/2023 19:53 Última actualización 24/08/2023 22:36

Teresa Abelleira chegou ás 19:30 ao aeroporto de Peinador. Alí recibiu o aplauso da xente e posou coa medalla de ouro que a acredita como campioa do mundo coa selección feminina.

"Estou desexando saudar a xente. Foi unha pasada recibir tanto apoio desde tan lonxe. Encantada e agradecida".

Referiuse tamén á polémica sobre o caso Rubiales:

"Quen teña que decidir, vaino facer. Eu quero gozar deste momento".

Minutos despois desprazouse ata a sede da Federación Galega de Fútbol, onde recibiu unha agradable sorpresa: o recibimento dos seus avós.

Recibida con honores en Pontevedra

Abelleira foi recibida en Pontevedra, na praza da Pedreira, entre aplausos e berros de "campioa, campioa" por centos de persoas.

Arroupada pola súa familia e moi emocionada polo recibimento que lle brindaron os seus veciños, Abelleira asegurou que non esperaba unha benvida tan calorosa e popular e agradeceu a todas as persoas que lle dedicaron a ela e ás súas compañeiras "un pouquiño do voso tempo".

"Pontevedra é campioa do mundo e hai que celebralo", subliñou Abelleira desde o balcón do Pazo de Mugartegui, onde o Concello organizou un acto institucional para homenaxear a futbolista.

A xogadora, que apenas podía conter as bágoas de emoción, sinalou que "é unha pasada o agarimo que recibimos desde o outro lado do mundo" e recoñeceu que o recibimento que lle brindaron os seus paisanos "é algo que non me imaxinaba nunca".

"Xa cando vía os vídeos desde Nova Zelandia e Australia coa xente na rúa poñíaseme a pel de galiña", explicou a futbolista, que engadiu que o seu regreso á casa "está a ser un día superbonito e emocionante".

Recoñeceu que "aínda estou a asimilar todo o que pasou", malia que apuntou que "estou orgullosa por formar parte deste cambio" no fútbol feminino, un proceso que dedicou "ás que abriron camiño" antes que elas.

Confía en que con este trunfo deportivo as nenas pequenas que están a empezar a xogar ao fútbol ou as que non se animaban "vexan que poden ser campioas do mundo" e non se vexan obrigadas a fixarse unicamente en "referentes masculinos" e se vexan reflectidas nelas.

Ademais, Teresa Abelleira quixo dedicar unhas palabras á súa familia porque "sodes o mellor que teño" e a todos eles deulles as grazas por arroupala e axudarlle a superar "todas as barreiras que tivemos que derrubar" para chegar ata onde está agora.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo trasladar o "orgullosa que está toda a cidade" polo trunfo de Abelleira e destacou que este será un "paso adiante" no fútbol feminino que servirá de exemplo para "todas as mulleres que veñen detrás".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade