A caída de Prado quítalle un sitio no podio de Madrid
Rematou a primeira carreira na terceira posición pero caeu na segunda cando lideraba a proba e acabou de 11º
Rubén Fernández mantivo unha gran regularidade acabou na sétima posición
Mala xornada para Jorge Prado, que caeu cando lideraba a segunda manga e quedou en postos moi atrasados. Non houbo presenza galega por segunda vez na temporada no podio malia as intencións do lucense.
A primeira manga do GP de Madrid acabou co terceiro posto de Prado. Foi o máis rápido na saída pero tanto Renaux como Gajser conseguiron adiantalo nas primeiras voltas. O trío de cabeza marcou un ritmo moi forte, separados por menos de seis segundos, pero Prado non tivo opcións de meterlle a roda ao líder do Mundial. Renaux volveu lograr unha vitoria que se lle resistía desde a terceira carreira.
Rubén Fernández asentouse no sexto posto neses primeiros xiros e aí quedou, xestionando a vantaxe cos que tiña por detrás pero sen poderlle botar man a Coldenhoff, o quinto.
A segunda manga comezou de xeito perfecto para Prado, en cabeza durante doce minutos. Pero unha caída acabou coas súas esperanzas de gañar o Grande Premio de Madrid e acabou afundido no undécimo posto. Cando se ergueu xa era o sétimo, tivo unha pelexa con Rubén Fernández na que se impuxo o vigués e acabou sendo superado por outros tres pilotos.
Por diante Renaux volveu a ser o dominador, con Coldenhoff e Bogers secundandoo no podio. Por segunda proba consecutiva Tim Gajser non subiu ao caixón. Acabou de sexto a segunda proba e non tomou riscos pensando no Mundial.
