Terceira xornada de busca do septuaxenario con alzhéimer en Oleiros
Servizos de emerxencias, familiares e amigos seguen á procura do septuaxerio, polo momento, sen éxito
Esta terceira xornada de busca segue a ser infrutuosa. "Seguimos igual. Imos repasar as zonas polas que xa fomos. O operativo é o mesmo ca dos días anteriores. Os familiares tamén estiveron buscando pola noite, non pararon. Seguimos coas mesmas pautas e, polo momento, non hai nungunha novidade", explica Adal Robles, responsable en funcións dos bombeiros de Oleiros.
A información que manexan é que Víctor, este veciño de Oleiros, de 77 anos e con alzhéimer, saíu da casa contra a unha da tarde deste martes e camiñou ata este estanco de Oleiros, situado a uns 200 metros. Desde entón ninguén o viu. Pero contra as sete desa tarde contactou cun familiar para comunicarlle que estaba desorientado.
"Nós onte estivemos co xenro do desaparecido que nos facilitou o seu audio. Un audio moi duro. Víase que o señor estaba atrapado nunha zona e que non podía saír. Oxalá hoxe sexa o día e apareza", engade Robles.
Piden colaboración cidadá. Calquera que teña información pode comunicala chamando ao teléfono da Policía Local de Oleiros ou ao 062 da Garda Civil.