Caamaño, sobre a concesión do Cunqueiro: "Foi un dos maiores acertos, e outro método suporía un atraso de ata 15 anos"
Caamaño, sobre a concesión do Cunqueiro: "Foi un dos maiores acertos, e outro método suporía un atraso de ata 15 anos"
Caamaño, sobre a concesión do Cunqueiro: "Foi un dos maiores acertos, e outro método suporía un atraso de ata 15 anos"
Caamaño cargou tamén contra a oposición por "insultar moi gravemente a moitas persoas" coas súas críticas
O conselleiro maior de Contas, Juan Carlos Aladro, destacou que a opción pola alternativa pública implicaría incumprir a regra de déficit ou ben renunciar á execución de gastos correntes ou doutros investimentos
A Comisión non Permanente de Investigación sobre a Contratación Pública da Administración Autonómica reuníse este mércores, ás 10:00 horas, no pazo do Parlamento.
A primeira comparecencia foi a de Juan Carlos Aladro Fernández, conselleiro maior do
Consello de Contas. No caso do informe de fiscalización do contrato de concesión do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cuantificouse a diferenza estimada entre o importe da proxección de pagos das alternativas públicas e público-privadas.
"Conclúese que, en termos económicos, a alternativa de licitación pública é máis eficiente que o contrato de concesión realizado, xa que se poderían acadar resultados similares a un menor custo", matizou Aladro.
Tras a análise dos datos en relación á capacidade orzamentaria, Aladro manifestou que "a Administración non estaría en condicións de afrontar a licitación pública do contrato de obras sen incumprir os obxectivos de déficit para os efectos da estabilidade orzamentaria".
O conselleiro maior do Consello de Contas destacou que a opción pola alternativa pública implicaría polo tanto incumprir a regra de déficit ou ben renunciar a execución de gastos correntes ou doutros investimentos.
Aladro, que explicou que traslada á comisión os informes aprobados polo pleno do organismo, rexeitou falar de sobrecustos e explicou que en "termos de valor actual neto" a diferenza entre a alternativa da licitación da obra por unha banda e a licitación de contratos de servizos por outra é de 165 millóns de euros con IVE, como figura no informe publicado en xullo deste ano.
Ese informe tamén indica que a cantidade é de 470 millóns con IVE, cifra á que se aferra a oposición (PSdeG e BNG) e que tacha de sobrecusto, aínda que o conselleiro maior ha insistido en que a cifra que debe usarse é a de 165 millóns con IVE ou 133 millóns con IVE en termos de valor neto actual. Segundo Aladro, en termos económicos, a alternativa da licitación da obra por unha banda e a licitación de contratos de servizos por outra, é máis eficiente que o contrato de concesión realizado, xa que se poderían alcanzar resultados similares a un menor custo.
Aladro sinalou tamén que se existise algún ilícito penal derivado dos informes do Consello de Contas o organismo acudise á Fiscalía. E tamén rexeitou a existencia dun informe previo "demoledor", en palabras de Elena Espinosa (PSdeG), do organismo sobre a concesión do hospital Álvaro Cunqueiro ou que o conselleiro encargado de fiscalizar as contas do Sergas, Tomás Pérez Vidal, tivese algo que ver na elaboración do informe.
A deputada socialista Elena Espinosa asegurou que Pérez Vidal, exdeputado do PPdeG, foi conselleiro entre 2009 e 2020 de Puentes e Calzada, unha das empresas que formaban parte da unión temporal de empresas que recibiu a concesión, antes de acceder ao Consello de Contas.
Para Espinosa, Pérez Vidal -que tamén foi presidente do Parlamento- debería comparecer nesta comisión, tras o que sinalou que a colaboración público privada foi "nefasta" para as arcas públicas e cuestionou que a Xunta non fose capaz de asumir a viabilidade económica do proxecto sen recorrer ao modelo de concesión.
Montse Prado (BNG) asegurou que o informe publicado este verán por Contas puxo "negro sobre branco as sospeitas de como actuou o PP con ese hospital", xa que "a fórmula elixida para a construción e licitación conxunta de servizos supuxo 470 millóns de euros (con IVE) máis" que facelo por separado. Prado rexeitou a fórmula "valor actual neto" empregada por Aladro -e que recolle o informe de Contas-, que establece que eses 470 millóns con IVE serían 165 millóns de euros.
A deputada nacionalista tamén cargou contra a redución de superficie, o que puido supoñer máis aforros para a concesionaria que, con todo, non recibiu menos cantidade por parte da Xunta en forma de canon.
Pola súa banda, Roberto Rodríguez (PP) tachou as intervencións de Espinosa e Prado como "máis ou menos afastadas da realidade", criticou as ausencias de vos líderes de PSdeG e BNG nesta comparecencia e asegurou que tanto lle informe como o conselleiro maior non falan de sobrecusto, senón da diferenza tras unha comparación "teórica de alternativas", unha das cales era "inviable".
Caamaño di que a contratación da construción non foi unha tarefa doada
O conselleiro de Sanidade compareceu na comisión de investigación pasadas as 13:00 horas deste mércores. Comezou a súa intervención dicindo que "a construción do Álvaro Cunqueiro foi un dos mellores acertos da Xunta". Manifestou que non foi unha tarefa doad e quixo felicitar ás súas antecesoras polo traballo realizado.
"Nun só ano se licitou o proxecto e en cinco anos xa estaba en funcionamento. Optarpor outro método suporía renunciar a un gasto corrente e a súa construcón retrasaríase uns 10 ou 15 anos", destacou Caamaño.
O conselleiro de Sanidade dixo que neste nove anos que leva en funcionamento realizáronse uns seis millóns de asistencias sanitarias e que sen el non se podería facerlle fronte á pandemia. Destacou que se conserva en perfecto estado de mantemento e que "é o mellor de Galicia".
Durante a súa comparecencia, Caamaño cargou tamén contra a oposición por "insultar moi gravemente a moitas persoas" coas súas críticas e reparos cara aos contratos menores e de emerxencia durante a pandemia, entre eles algúns con empresas vinculadas á contorna do expresidente Alberto Núñez Feijóo.
Para Gómez Caamaño, "lanzar sombras de dúbida sobre o durísimo traballo" dos responsables sanitarios na crise covid é "unha falta de respecto e unha gran inxustiza".
"Pretender convencer a alguén de que nos peores momentos da pandemia os responsables de Sanidade estaban a buscar algo diferente que salvar vidas é insultar a moitas persoas", insistiu o actual conselleiro.
Neste punto quixo destacar o labor tanto dos profesionais sanitarios como dos seus predecesores no cargo, Jesús Vázquez Almuiña e Julio García Comesaña.
Gómez Caamaño suliñou que todos os contratos do Sergas son "obxecto de fiscalización recorrente" por parte do Consello de Contas, un órgano que nos seus informes "simplemente" recolle "recomendacións de mellora" que a súa Consellería "sempre trata de integrar".