Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tan só catro horas ao día de auga a causa da seca nunha aldea de Baltar

Tan só catro horas ao día de auga a causa da seca nunha aldea de Baltar

G24.gal 06/08/2022 21:33 Última actualización 06/08/2022 21:51

Nesta aldea de Garabelos, no concello de Baltar,  tiveron que tomar medidas xa a principios do mes de xullo.

"O depósito está baleiro, teñen que pechar a partir da unha do mediodía ata o día seguinte ata as nove da mañá. Hoxe en concreto non hai nin gota de auga, non sabemos que pasou esta noite que non hai nin gota de auga. A situación é un pouco preocupante, a verdade."

Son os propios veciños os que xestionan o servizo e os que tomaron a decisión de restrinxir a auga da traída a catro horas ao día, porque o manancial que nace na serra por vez primeira non dá máis de si. 

"Hai que abrila á mañá ás nove e pechala tan pronto falta porque non a hai. A auga vénnos da serra, pero ao non a haber chega ao depósito un fío así."

"Este manancial nunca fallou, pero agora debe ser problema da chuvia, que non chove e en fin..."

Así que os veciños que teñen pozo aínda se van apañando, os que non o teñen procuran organizarse para aproveitar a auga da que dispoñen durante a mañá, só para o imprescindible.

"Non hai gota, cando a dan si, temos algo de auga collemos uns caldeiros, mira eu teño aquí un capacho cheo. Coa seca que hai e unha pouca xente que se incorpora de fin de semana, pois causan estas cousas."

Aquí son apenas vinte veciños mesmo durante o verán. Por iso, din, cómpre colaborar entre todos para facer un uso responsable da auga. Din que non lembran unha situación coma a deste ano.

"Algunha vez houbo algo de escaseza, pero coma isto non."

Din estar preocupados polo que virá nos próximos meses, e confían en que a chuvia acabe por facer acto de presenza máis pronto que tarde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade