Suspendida a execución da condena da dirixente de Podemos Isa Serra
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid pon como condición que non volva delinquir nun prazo de tres anos
O TSXM considera que Isa Serra cumpre cos tres requisitos que marca o Código Penal para suspender a execución da condena

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) suspendeu a execución da pena dun ano e sete meses de prisión imposta ao líder de Podemos Isa Serra por atentar contra a autoridade durante unha protesta para tentar frear un desafiuzamento en Madrid o pasado 31 xaneiro 2014.
A Sala do Civil e Penal do TSXM tomou esta decisión nun auto no que se pon como condición que Serra non volva cometer delito nun prazo de tres anos.
O tribunal, que é o mesmo que ditou a condena, ten en conta que a líder de Podemos e asesora do Ministerio de Igualdade cumpriu a responsabilidade civil que lle impuxo, que era a primeira vez que era condenada e que a pena imposta foi inferior a dous anos. É dicir, cumpre os tres requisitos que marca o Código Penal para suspender a execución da condena.
Nunha sentenza que posteriormente confirmou o Tribunal Supremo, este tribunal condenou a Serra a esa pena de prisión, a 19 meses de inhabilitación para o dereito a sufraxio pasivo e a unha multa de 2.400 euros, que se suma aos 5.250 euros de indemnización aos dous axentes feridos na protesta.
No auto, o TSXM subliña que, "sen negar o seu dereito fundamental á liberdade de expresión e reunión, é reprobable o uso de vías de feito, sobre todo se son violentas, como as xulgadas, particularmente cando se trata de persoas de relevancia social".
A seu xuízo, Serra tiña esa relevancia social "como membro destacado dun partido político" o 31 de xaneiro de 2014, cando Podemos acababa de presentarse oficialmente como partido.