Publicador de contidos

Publicador de contidos

Subimos ao helicóptero da Garda Civil vixía do monte

Subimos ao helicóptero da Garda Civil vixía do monte

Fan vixiancia intesiva nas zonas onde hai maior incidencia de incendios

A cámara térmica permite localizar conatos de incendio a moitos quilómetros e a persoas ou vehículos nos arredores

G24.gal 13/07/2026 14:45

Viaxamos a bordo do helicóptero da Garda Civil para observar de preto o esforzo que fan na prevención e investigación do lume. Conseguen detectar o foco a quilómetros e peitean a zona para perseguir os responsables.

É o ollo que vixía os montes dende o aire... e moi ao lonxe. 

"É un voo alto, ir buscando focos de calor e conatos de incendio, queimas, e posibles incendios antes de que se fagan máis grandes", explica Ángel Gómez, o Capitán da Garda Civil que viaxa no helicóptero. 

"Trátase de que conductas que son potencialmente perigosas, como realizar queimas, acampadas con lume, facer traballos forestais nas horas de máis calor, poder denuncialo a tempo e previr futuros incendios", engade Daniel Barturen, Xefe do Seprona da Garda Civil de Pontevedra

Collemos rumbo cara a Crecente, no sur da provincia de Pontevedra, e non por casualidade.  

"En certas localidades como son A Cañiza ou Crecente, existe historicamente un alto risco de incendios forestais. Orientamos o servizo a esas zonas que se consideran de alto risco", engade o xefe do Seprona, encargado de repartir os medios.

Son zonas quentes, no peor sentido da palabra, zonas onde incendiarios ou pirómanos nunca descansan. 

"Incendiarios serían os que fan un uso de lume para sacar un rédito ou beneficio e unha pirómana é unha persoa cun trastorno psicolóxico e soe ser xente que reincide ao longo dos anos e mesmo con varios incendios no mesmo ano", advirte o capitán Daniel Barturen.

Apóianse na cámara térmica para localizar posibles conatos de incendio. Poden velos a quilómetros.

"É alerta temperá. Nós vemos a imaxe en branco e negro, que son focos de calor en branco e focos fríos en escuro. Un punto de incendio vese moi ao lonxe, unha persoa no monte pódese ver a catro quilómetros e unha fábrica como Finsa a vinte ou trinta", sinala o Cabo Ignacio Salnés, o o operador de sistemas da Garda Civil.

Confirmado o foco, peitean a zona e fichan canto se move. 

"Se temos un foco de calor e vemos un vehículo alonxándose de alí, hai que facer todo o posible para que os compañeiros en terra o identifiquen", engade o operador da cámara.

"A xente que hai ao redor do incendio e os vehículos que están próximos ou que se están alonxando", corrobora o capitán Ángel Gómez.

Dende o aire avistamos o escuadrón de cabalería, reforzo preventivo tamén durante o verán porque todos os ollos son poucos cando o 70% dos incendios son adrede. 
O ano pasado quince persoas entraron nos xulgados por incendios intencionados e dúas máis por neglixencias.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade