Detido tras accidentarse xunto a unha muller da que tiña orde de afastamento
O condutor, que deu positivo na proba de substancias estupefacientes, enfróntase á pena de seis meses a un ano de prisión como autor dun delito de quebrantamento de medida cautelar xudicial
Garda Civil
A Garda Civil detivo un home que fuxira tras sufrir un accidente de tráfico no que ía acompañado por unha muller sobre a que ten en vigor unha orde de afastamento.
O accidente, informou a Garda Civil de Ourense, produciuse o pasado 16 de xuño na autovía AG/AG-31 á altura da localidade ourensá de Celanova, cando a Benemérita recibiu un avisou de que se producira un sinistro viario.
Desprazados ata o lugar, os axentes localizaron o vehículo accidentado baleiro, sen ningún dos seus ocupantes, con danos no frontal esquerdo e cun transporte de animais sobre o asento.
Segundo informou a Comandancia de Ourense, testemuñas presenciais facilitaron unha descrición completa dos ocupantes do turismo, un home e unha muller, aos que viron saír e afastarse en dirección ao núcleo urbano.
Durante un operativo de procura, os axentes localizaron a muller, cando paseaba un can pola localidade. Esta manifestou ser a condutora do vehículo sinistrado pero negou saber nada dun acompañante. Con todo, o home foi localizado cando intentaba acceder ao interior dun caixeiro golpeando a porta.
A pesar de negar nun primeiro momento ser o condutor, recoñeceu os feitos, así que os axentes procederon á súa detención tras comprobaren que sobre el figuraba en vigor unha orde de afastamento da acompañante.
O condutor, que deu positivo na proba de substancias estupefacientes, enfróntase á pena de seis meses a un ano de prisión como autor dun delito de quebrantamento de medida cautelar xudicial.
Ademais, deberá de aboar unha multa de mil euros que implica a retirada de seis puntos do permiso de conducir.