Publicador de contidos

Publicador de contidos

O acusado de matar á súa irmá en Vigo irá a xuízo tras non chegar a un acordo

O acusado de matar á súa irmá en Vigo irá a xuízo tras non chegar a un acordo

As acusacións particulares reclaman a responsabilidade civil subsidiaria de Funga

TVG
G24.gal 13/07/2026 14:33

Un home acusado de matar á súa irmá en Vigo en abril de 2024 irá a xuízo despois de que a familia rexeitase un acordo coa defensa, xa que quere que a Xunta compareza como responsable civil subsidiaria do suceso.

As partes acudiron este luns a unha audiencia preliminar na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, para ver se había posibilidade de chegar a algún tipo de acordo entre defensa e acusacións, pero finalmente o caso avanzará a xuízo.

O 3 de abril de 2024, Juan D.E., de 63 anos e diagnosticado dunha enfermidade mental, matou presuntamente á súa irmá, María del Carmen, de 71 anos, cando acudira a visitalo nunha casa do barrio de Lavadores de Vigo, segundo o escrito de acusación da Fiscalía.

Mentres ambos se atopaban na cociña, o home, con claro ánimo de acabar coa vida da súa irmá, colleu un coitelo e atacouna "de forma súbita e repentina", anulando toda capacidade de resposta e de defensa da vítima, provocando múltiples feridas que lle causaron a morte, segundo os indicios.

O acusado levaba catro meses sen administrarse o tratamento para a súa enfermidade mental, e iso, segundo a Fiscalía, supuxo unha descompensación psicótica da súa doenza e provocoulle a completa anulación das súas facultades intelectivas e volitivas; é dicir, non era consciente dos seus actos nin controlaba a súa vontade.

Desde 2015, o presunto autor do crime estaba curatelado (maior de idade que non pode coidar de si mesmo) segundo a Fundación Pública Galega para o Apoio ao Exercicio da Capacidade Xurídica (Funga), dependente da Xunta.

Para a Fiscalía, a súa actitude é constitutiva dun delito de asasinato coa agravante de parentesco e a eximente completa de responsabilidade criminal de anomalía ou alteración psíquica.

Como estaba curatelado, as dúas acusacións particulares -unha en representación do viúvo, fillos e irmáns da vítima, e a outra de dous netos- solicitan, por iso, a responsabilidade civil subsidiaria de Funga.

"Queremos que a Funga compareza en xuízo como responsable civil subsidiaria, pola indemnización e non tanto pola indemnización, senón porque ademais queremos que expresamente se depuren responsabilidades", explicou a medios de comunicación tras a audiencia de hoxe o avogado Raúl Vázquez Carneiro, que representa o viúvo, fillos e irmáns da falecida.

O letrado insistiu en que "hai proba suficiente para conseguir unha sentenza condenatoria en contra da Funga", polo que irán a xuízo.

Esta acusación particular pide 25 anos de prisión e, de forma alternativa, o internamento psiquiátrico. A outra acusación e a Fiscalía solicitan pena de internamento psiquiátrico.

O acusado sofre unha enfermidade respiratoria grave e xa se autorizou que compareza no futuro xuízo, para o que aínda non se ditou data, desde a prisión da Lama (Pontevedra), onde se atopa recluído desde abril de 2024. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade