Stellantis espera elevar a produción de coches en Europa nun 20% e terá 25 novos modelos en 2030
Malia todo, reducirá en 800.000 unidades a súa capacidade en Europa sen pechar plantas
A empresa di que o recorte das súas capacidades en Europa se vai levar a cabo "velando por preservar os empregos industriais"
A compañía indicou nun comunicado que ata 2030 prevé investir 60.000 millóns de euros no maior plan estratéxico da súa historia
Stellantis anunciou este xoves no seu 'Investor Day' celebrado na cidade de Auburn Hills, en Michigan (Estados Unidos), que aumentará a produtividade das súas fábricas europeas nun 20% no próximos cinco anos pasando do 60% de utilización a un 80% a finais de 2030, a pesar de que o grupo automobilístico perderá un volume de 800.000 modelos ata 2030.
Todo elo, di, sen pechar ningunha fábrica para aumentar a taxa de utilización das súas plantas ao 80 %, no marco do seu novo plan estratéxico ata 2030.
"O 'Faslane 2030' protexerá o emprego e a fabricación en Europa, e reforzará a competitividade dunha empresa que non só é máis grande. Contamos cun dos maiores parques automobilísticos de Europa, con máis de 34 millóns de clientes, e estamos preparados para atraer a millóns máis", defendeu o conselleiro delegado de Europa Ampliada e Stellantis Prol One, Emanuele Cappellano.
"Hoxe a nosa taxa de utilización rolda o 60%, e a nosa ambición é alcanzar o 80%, o mellor nivel da industria. Reduciremos a capacidade de produción en 800.000 unidades sen pechar ningunha planta", recalcou Cappellano.
A compañía indicou nun comunicado que nese período prevé investir 60.000 millóns de euros no maior plan estratéxico da súa historia, e que esa redución de capacidades se fará en primeiro lugar mediante a reconversión dalgunhas fábricas, e citou a de Poissy en Francia, que se vai dedicar á fabricación de pezas de recambio e á deconstrución de vehículos.
Outra parte importante dese recorte chegará co desenvolvemento de alianzas, como nas instalacións de Madrid e Zaragoza en España ou Rennes en Francia.
Nesas tres plantas de Stellantis, a empresa vai reservar unha parte das súas capacidades aos seus socios chineses Leapmotor (nas dúas primeiras) e Dongfeng (na terceira), cos que anunciou acordos para que ensamblen alí os seus vehículos destinados ao mercado europeo.
A empresa subliñou que o recorte das súas capacidades en Europa se vai levar a cabo "velando por preservar os empregos industriais", e o seu conselleiro delegado, Antonio Filosa, subliñou que "está previsto que iso se leve a cabo sen que implique o peche de ningunha planta".
Con esa diminución de capacidades, o grupo pretende elevar a taxa de utilización das súas plantas no Vello Continente do 60 % ao 80 % en 2030.
Nos EUA, con todo, Stellantis vai incrementar a súa produción e ese será o mecanismo para elevar así o nivel de utilización das súas factorías tamén ao 80 % en 2030.
En Oriente Medio e en África, a intención é localizar unha maior produción e acadar "unha utilización completa das capacidades" nese mesmo horizonte.
Sobre a oferta da súa gama de coches, o construtor procedeu a unha revisión da súa estratexia co obxectivo declarado de "maximizar a eficacia do capital, evitar gastos redundantes e apoiar a rendibilidade" que se traducirá nos próximos cinco anos con máis de 60 lanzamentos de novos vehículos e o reaxuste en profundidade de medio cento máis.
Iso incluirá 29 vehículos eléctricos, 15 híbridos recargables ou eléctricos con autonomía ampliada, 24 híbridos e 38 de combustión ou híbridos lixeiros.
Filosa asegurou que se están reducindo "significativamente" os ciclos de desenvolvemento nos novos lanzamentos, e que se vai pasar dos 44 meses que tardan actualmente a 24.
Reaccción ante as perdas
Ante as perdas récord de 22.322 millóns de euros que tivo que encaixar a empresa en 2025, Stellantis puxo en marcha desde o segundo semestre do pasado ano unha "reinicialización" que pasa sobre todo por aparcar boa parte dos seus plans anteriores de electrificación da súa gama de vehículos.
A empresa dedicará máis de 24.000 millóns de euros (un 40 % dos investimentos previstos) en novas plataformas, motorizacións e tecnoloxías con vocación mundial. Os outros 36.000 millóns serán para o desenvolvemento das marcas e dos produtos.
A súa vontade é estruturar o seu negocio arredor das que considera as súas catro "marcas mundiais", que son Jeep, Ram, Peugeot e Fiat, que concentrarán o 70 % dos investimentos, xunto a Pro One, a dedicada ás furgonetas.
Chrysler, Dodge, Citroen, Opel e Alfa Romeo terán o estatuto de "marcas rexionais" e como razón de ser terán "a diferenciación para responder mellor ás demandas dos seus clientes". DS Automobiles e Lancia serán "marcas de especialidade" e estarán pilotadas, respectivamente, por Citroen e Fiat.
Por último, para a marca de luxo Maserati, haberá que esperar ao mes de decembro para coñecer a súa folla de ruta.
Coincidindo co anuncio do seu plan estratéxico, Stellantis presentou unha nova plataforma modular de fabricación de vehículos, bautizada STLA One, coa que quere diminuír a complexidade na produción e acelerar os ciclos de desenvolvemento para alcanzar unha rendibilidade do 20 %.
O construtor confía en que de aquí a 2030 a metade dos seus coches saian de tres das súas plataformas mundiais dentro das que se reutilizarán ata o 70 % dos seus compoñentes.
Stellantis espera aumentar de aquí a 2030 a súa facturación nun 25 % en Norteamérica, cunha marxe operativa do 8 % ao 10 %. O incremento sería do 15 % en Europa, cunha marxe operativa do 3 % ao 5 %, e do 10 % en Sudamérica cunha marxe operativa do 8 % ao 10 %.