Fernando Soriano: "Contamos con Yeremay, non imos negociar a súa venda"
O dianteiro do Deportivo rexeitou unha oferta do Como italiano
O Como italiano era o equipo que máis apostaba por Yeremay Hernández. Adestrado por Cesc Fábregas, mesmo se falou que o equipo da Serie A podería pagar a cláusula de rescisión do canario do Deportivo, fixada nuns 30 millóns de euros.
Segundo o prestixioso xornalista especializado en fichaxes, Fabrizio Romano, o xogador dixo que non ao ofrecemento do Como.
Esta mañá, o novo adestrador do Deportivo, Antonio Hidalgo, e o director deportivo, Fernando Soriano, confiaban na permanencia do canario.
Hidalgo: "Amosou o cariño que lle ten ao club e ás cores. É un xogador diferencial e conto con el para a próxima tempada".
Soriano "El está na planificación do equipo. O club non negocia agás que o xogador non queira quedar. Contamos con Yeremay, non imos negociar a súa venda".
Outros equipos como o Chelsea -vía Estrasburgo-, a Juventus ou o Nápoles tamén se interesaron por el e haberá que seguir atentos ao mercado de fichaxes.