Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sogama anuncia que elevará o seu canon para 118 concellos ata os 66 euros por tonelada de residuos

Sogama anuncia que elevará o seu canon para 118 concellos ata os 66 euros por tonelada de residuos

Xustifica esta suba en base ao novo imposto estatal á vertedura e á incineración, que, segundo indican, xa lles supuxo un desembolso de 14,4 millóns de euros desde 2023

Unha vez coñecida a proposta, a Federación Galega de Concellos e Provincias terá 10 días hábiles para presentar as súas posibles alegacións

Planta de tratamento de residuos de Sogama Planta de tratamento de residuos de Sogama
G24.gal 25/06/2024 18:36 Última actualización 25/06/2024 20:00

O Consello de Administración da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) presentou unha proposta de actualización do canon que será de 66 euros por tonelada de residuos domésticos para todos os municipios galegos adscritos, un total de 295.

Deste xeito, prodúcese un incremento para 118 municipios que recibían unha bonificación do 15% en 2023 -cunha tarifa de 56,10 euros por tonelada- pola posta en marcha do contedor marrón.

Fontes da Consellería de Medio Ambiente explican que "a bonificación que se aplicaba o ano pasado era unha medida excepcional para promover a implantación do contedor marrón, pero suprímese dado o impacto económico das medidas do Estado nas contas de Sogama".

Nun comunicado, a Xunta xustifica que as decisións do Goberno central na materia "adoptadas no último ano e medio están a ter un grande impacto económico no custo do servizo", polo que se estuda esta actualización do canon. Con todo, apunta que transferirán nove millóns este ano aos 295 concellos adheridos a esta entidade público-privada de xestión de residuos para "minimizar o impacto da medida".

O importe medio será de 66 euros por tonelada para todos os concellos que envían os seus residuos a Cerceda. Isto tras recibir a achega da Xunta de 12 euros por tonelada a través do Fondo de Cooperación Local, sen o cal o importe ascendería a 78 euros.

Unha vez coñecida a proposta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) terá 10 días hábiles para presentar as súas posibles alegacións. Transcorrido ese prazo, o Consello de Administración de Sogama terá outra reunión para facer a súa proposta á Consellería de Medio Ambiente, que, previo informe do departamento de Facenda, aprobará o novo canon deste ano.

O Goberno galego fai fincapé en que, mesmo despois de aplicada a subida a proposta, "o canon de Sogama seguirá sendo o máis barato de España en comparación co resto de plantas de tratamento de residuos municipais da súa mesma tipoloxía".

Incremento de custos

A Xunta sinala que o novo imposto estatal á vertedura e á incineración, en vigor desde xaneiro de 2023, supuxo un desembolso para Sogama de 14,4 millóns de euros ata o de agora. Ademais, a empresa de xestión de residuos tivo que aboar 2,9 millóns pola recuperación do imposto estatal do valor da enerxía eléctrica.

"A estas contías hai que engadir tamén o feito de que en xullo de 2023 o Goberno central eliminou a retribución que viña percibindo Sogama polo investimento realizado na súa planta termoeléctrica", agrega o a Xunta.

Todo iso supón un encarecemento do servizo en 2023 nun total de 21,9 millóns de euros, segundo cálculos da Xunta, "asumidos integramente por Sogama".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos