Só os mortos poden pasar
Un sinal de tráfico que se fixo viral por permitir o paso só aos residentes do cemiterio de Corrubedo
As risas son a reacción espontánea cando un se decata do sentido literal dun sinal de tráfico que está dando moito que falar nas redes sociais. Fíxose viral, e é que a redacción do cartel complementario non é do máis atinada. Quen máis quen menos bota un sorriso en Corrubedo (Ribeira), cando pasa por diante.
"Home, que che vai provocar, o pensamento que me veu xa foi dicir meu Deus, vanse levantar os do cemiterio para vir aquí, para entrar e saír?". "Eu pensaba que os mortos non se movían, eh, pero xa o di o refrán: "Nunca te deitarás sen saber unha cousa máis". "Fallo de redacción, non?".
O sinal leva anos colocado sen que ninguén reparase no erro, pero sempre hai quen lle saca punta a todo. A intención da Policía Local era evitar atascos no acceso ao cemiterio sobre todo no verán, cando os turistas que van visitar o faro abeiran nesta travesía que leva ao cemiterio.
"Entón viñan os coches e a rúa é estreita e non se podía pasar e mesmo ao final de todo hai veces que viñan unhas caravanas e quedaban encaixadas". "Entón, claro, se había un enterro ou había calquera cousa, chegaban e non había onde aparcar, non había nada".
Dende o Concello xa anunciaron que van modificar o cartel, sorprendidos, iso si, coa repercusión mediática que está tendo o tema.
"Ninguén lle deu importancia, déronlla agora neste momento, non sei quen foi. Algún que pasou por aí e quería facer o chiste". "Pero está ben que se ría un, que hai tempo para rirse", apuntan os veciños de Corrubedo.