Publicador de contidos

Publicador de contidos

A CSAG suma nove candidaturas aos Goya, en que 'Sirat' opta a once premios

A CSAG suma nove candidaturas aos Goya, en que 'Sirat' opta a once premios

Romería, con seis candidaturas; Leo&Lou, Decorado e Rondallas son as películas participadas pola TVG que optan a premio

G24.gal 13/01/2026 17:05 Última actualización 16/01/2026 16:20

As producións participadas pola Televisión de Galicia (TVG) acadan un total de nove candidaturas na 40ª edición dos Premios Goya, confirmando a forte presenza da televisión pública galega nesta convocatoria do cinema estatal.

O maior número de candidaturas concéntrase en Romería, dirixida por Carla Simón e rodada en Vigo, que opta a seis galardóns: mellor dirección para Carla Simón, mellor actriz de elenco para a ourensá Myriam Gallego, mellor guión adaptado tamén para Carla Simón, mellor actor revelación para Mitch, mellor actriz revelación para Llúcia Garcia e mellor deseño de vestiario para Anna Aguilà.

A estas candidaturas súmanse a de Leo&Lou á mellor música orixinal, a de Decorado, do coruñés Alberto Vázquez, á mellor película de animación, e a de Rondallas ao mellor actor de elenco para o compostelán Tamar Novas.

Xunto ás producións participadas pola TVG, no universo galego dos Premios Goya destaca tamén Sirat, de Oliver Laxe, que conseguiu un total de once candidaturas, incluídas as de mellor película, mellor dirección e mellor guión. A cinta compite ademais en numerosas categorías técnicas: mellor fotografía para Mauro Herce, mellor montaxe para Cristóbal Fernández, mellor música orixinal para Kangding Ray, mellor dirección de produción para Oriol Maymó e mellor dirección artística para Laia Ateca.

Malia todo, a película que acumulou un maior número de candidaturas nesta edición foi Los domingos, de Alauda Ruiz de Azúa, con trece candidatudas. Xunto con Sirat, Maspalomas, de Aitor Arregi e Jose Mari Goenaga; La cena, de Manuel Gómez; Sorda, de Eva Libertad, e El cautivo, de Alejandro Amenábar, concentran boa parte das candidaturas anunciadas pola Academia de Cine.

O anuncio das candidaturas tivo lugar este martes na sede da Academia de Cine, nun acto presentado por Toni Acosta e Arturo Valls. Nesta edición concorren un total de 218 películas, das cales 123 son de ficción, 87 documentais e nove de animación, con 67 óperas primas inscritas. No ámbito dos guións, preséntanse 129 orixinais e 42 adaptados, ademais de 18 filmes europeos e 15 longametraxes iberoamericanas seleccionadas polos seus respectivos países.

A Academia anunciou tamén que o Goya de Honra desta edición recaerá no cineasta, escritor e xornalista Gonzalo Suárez, en recoñecemento a unha traxectoria cualificada como “sorprendente” e “pioneira”, que abrangue cinema, literatura e xornalismo.

Tras coñecerse as candidaturas, Oliver Laxe celebrou desde os Estados Unidos o recoñecemento obtido por Sirat e destacou o impacto internacional da película.

O cineasta sinalou que o “ruído” xerado pola cinta, tanto en España como no estranxeiro, está a favorecer a súa carreira nos premios nacionais e internacionais, incluída a súa proxección cara ao öscar. Segundo explicou, profesionais de referencia do cinema internacional amosaron o seu interese polo traballo realizado en Sirat, valorando especialmente os aspectos técnicos e artísticos da produción, o que, ao seu xuízo, supón “ter o respecto da cinematografía mundial”

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade