Galicia e outras seis comunidades denunciarán o Goberno en Europa por incumprimentos co lobo
O documento presentárono en Santander representantes de Cantabria, País Vasco, Galicia, A Rioxa, Aragón, Madrid e Castela e León
"Ninguén quere acabar co lobo, queremos convivir con el, pero o seu número está a facer insostible a gandería extensiva", aseguran
Europa abriulle expediente a España por non enviarlle o informe sexenal sobre o lobo; o Goberno di que non o fixo de momento por "rigor científico, prudencia e seguridade xurídica"
Arquivo/Europa Press
Sete comunidades autónomas acordaron un documento no que anuncian a presentación dunha denuncia ante a Comisión Europea polos incumprimentos do Goberno de España da lexislación comunitaria co lobo.
O documento presentárono en Santander, onde se reuniron os representantes dos gobernos autonómicos con competencias na xestión do lobo de Cantabria, País Vasco, Galicia, A Rioxa, Aragón, Madrid e Castela e León para abordar o impacto da especie nos seus territorios.
As comunidades piden que se convoque de forma inmediata unha conferencia sectorial de Medio Ambiente monográfica sobre o lobo, que o Goberno cumpra as súas obrigacións coa Comisión Europea e remita de forma urxente o informe sexenal sobre o estado de conservación da especie e que transfira aos Executivos autonómicos os fondos establecidos na estratexia nacional de xestión dese animal.
Segundo asegurou a conselleira cántabra de Desenvolvemento Rural, María Jesús Susinos, nunha comparecencia de prensa posterior á reunión, o documento conta tamén co apoio das comunidades de Andalucía, Murcia, Valencia, Canarias, Estremadura, Baleares e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla.
Ao encontro foran convidadas todas as comunidades e a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagasen, que non asistiu.
As conselleiras de Cantabria, Galicia e A Rioxa lamentaron que desde a inclusión do lobo na Listaxe de Especies Salvaxes en Réxime de Especial Protección (LESRPE) a presenza da especie nos seus territorios multiplicouse cun aumento "exponencial" dos ataques ao gando, ata o punto, aseguraron, de "poñer en perigo" a gandería extensiva nas súas comunidades.
"Queremos deixar claro que ninguén quere acabar co lobo, queremos convivir con el, pero o seu número está a facer insostible a gandería extensiva", afirmou María Jesús Susinos.
O Goberno di que non enviou o informe a Europa por "rigor científico, prudencia e seguridade xurídica"
Este venres, a Comisión Europea abriu un expediente de infracción contra España por non entregar o informe que esixe a Directiva sobre os hábitats, un documento que os Estados membro deben remitir periodicamente para avaliar o estado de conservación de especies e ecosistemas protexidos.
Desde o Ministerio subliñaron que a non remisión, polo momento, do informe sexenal sobre o lobo responde exclusivamente a criterios de rigor científico, prudencia institucional e seguridade xurídica.
O departamento que dirixe Sara Aagesen asegura que o informe, no seu estado actual, non ofrece aínda unha base científica solvente, xa que nos últimos meses producíronse cambios substanciais na situación das poboacións de lobo, derivados tanto da eliminación de exemplares por parte dalgunhas comunidades autónomas como das mortes e desprazamentos poboacionais provocados polos grandes incendios forestais.
Na súa opinión, estes factores alteran de maneira significativa os datos de distribución e estado de conservación, e aconsellan unha actualización rigorosa antes do seu envío.
A iso súmase, din, que, a principios de xuño, a Comisión Europea informou formalmente os Estados membros de que aceptaría pequenos atrasos na remisión dos informes sexenais, debido ás dificultades técnicas asociadas á implantación do novo sistema de reporte xestionado pola Axencia Europea de Medio Ambiente.