O Parlamento garda un minuto de silencio por Ucraína, que centra un debate tenso
O BNG, que non apoiou un texto pactado por PPdeG e PSdeG, acusa os dous partidos de usar o conflito para atacalos
Feijóo asegura que cumprirá coas súas obrigas como presidente da Xunta ata o último instante
Ao comezo da sesión de control ao Goberno galego os tres partidos con representación no Pazo do Hórreo gardou un minuto de silencio en memoria das vítimas da guerra de Ucraína e en sinal de repulsa pola invasión.
A concentración, acordada entre os tres grupos parlamentarios, estivo encabezada polos presidentes da Xunta e da cámara galega e apoiada por todos os deputados. Esta unidade amosada hoxe non foi posible trasladala onte a unha declaración institucional. O BNG negouse a amparar un texto pactado entre populares e socialistas que apoiaba a actuación da OTAN e da Unión Europea.
A posición ante a invasión rusa de Ucraína tensou o debate entre Núñez Feijóo e a líder do BNG. O presidente da Xunta lamentou que os nacionalistas non quixesen apoiar as accións da Unión Europea e da OTAN neste conflito. Para Feijóo, isto demostra que a UPG é quen manda no Bloque. Pola súa parte, Ana Pontón acusou o PP e o PSdeG de utilizar a guerra para atacar o BNG.
Desde o BNG pedíronlle a Feijóo que dimitise como presidente da Xunta agora que decidiu presidir o PP nacional. Feijóo recordou que non son cargos incompatibles e que deixará o Goberno galego cando sexa o momento oportuno.
Na sesión de control, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, respondeu a unha pregunta do BNG sobre a dimisión do seu cargo e a outra cuestión do PSdeG acerca das medidas para a consecución da igualdade real entre homes e mulleres.
Minuto a minuto
Comeza a sesión de control coa intervención do voceiro do Grupo Parlamentario Socialista. Luís Manuel Álvarez Martínez inicia a súa intervención lembrándolle ao presidente da Xunta que despois de trece anos "erráticos de Goberno do PP, Galicia está peor que o resto de España en materia de igualdade". "A poboación activa feminina é inferior á masculina en case 50.000 persoas, case un 9 % menos e 5,4 puntos por de baixo da media estatal".
O voceiro socialista, di que en Galicia as mulleres, amais de ter máis paro e ter máis contratos parciais, "sofren de forma máis notoria a contratación temporal" e tamén son as mulleres as que máis solicitan a redución de xornada, "o 76,4 %, ao igual que as excedencias por coidado familiar, o 74 %".
Canto á brecha salarial entre homes e mulleres en Galicia, dixo Álvarez Martínez, "é dun 19,3 %, malia suba do salario mínimo interprofesional, o que implica que as mulleres traballen case dous meses ao ano sen cobrar".
"A falta de medidas por parte da Xunta", di o vociero socialista que fixo que a brecha de ocupación entre homes e mulleres se incrementara "nada menos que nun 65 %". "Esa brecha salarial tamén se constata no ámbito docente e investigador". A fenda de xénero tamén se dá no ámbito familiar, apunta o voceiro socialista, xa que son as principais encargadas da tarefa do fogar e de coidar os maiores e menores.
Álvarez Martínez: "Os datos evidencian o fracaso e a falta de políticas efectivas". "Galicia precisa de medidas eficaces e transversais en todos os ámbitos que permitan acadar unha igualdade efectiva entre mulleres e homes". "¿Señor Feijóo, e vostede feminista?".
O presidente da Xunta dixo: "Sorpréndeme que veña vostede con datos simplemente trucados, supoño que de boa fe, pero que non resisten unha mínima comparación obxectiva".
Alberto Núñez Feijóo: "Pregunta vostede, señor Álvarez, que temos pensado facer? Simplemente, o pasado xoves na Consello da Xunta de Galicia presentamos un novo Anteproxecto de Lei de igualdade na comunidade autónoma". Feijóo engadiu que esperaban que esa lei contase con todo o apoio da Cámara, "presentaremos esta lei no último trimestre deste ano".
Nesa lei inclúese, dixo Feijóo, "proseguir na loita contra a violencia machista das novas formas de acoso, como nas redes", e no eido laboral insistir na conciliación e no teletraballo. Haberá un tratamento especial para as mulleres do mar e as mulleres do rural".
Este Goberno, "despois de 40 anos", lembrou Feijóo, "construíu un departamento exclusivamente de emprego e igualdade".
O presidente da Xunta dixo que Galicia "está mellor ca a media de España e mellor que a media de Europa". Feijóo lembrou que no 2009, "cando gobernaban vostedes", a taxa de emprego das mulleres era do 57 %, segundo a EPA, "agora é do 60,6 %". "Dous puntos por enriba da media de España".
Canto a taxa de paro feminino, Fejóo dixo que en Galicia é do 12,8 % e en España, onde gobernan vostedes, é do 16,7 %".
"499.005 mulleres afiliadas á Seguridade Social. É o record histórico da economía galega e do emprego feminino na comunidade autónoma", dixo Feijóo, e engadiu: "Señoría, seguen vostedes manipulado datos".
Canto á temporalidade, dixo Feijóo que o 73 % das mulleres ten contrato indefinido, "por enriba do que atopamos cando chegamos ao goberno".
Canto á fenda salarial, o presidente da Xunta que era a "sexta mellor de toda España". Se se compara en salario por hora, esta fenda é do "10,1 %, por debaixo da UE, que a ten no 14 %; por debaixo de Alemaña, o 19,2; de Francia, de Holanda, Dinamarca, de Noruega e de Suecia".
"As mulleres coñecen isto e saben que temos políticas, como, por exemplo, o plan Emprega en Feminino, de máis de 34 millóns de euros". Feijóo engadiu que Galicia é unha comunidade vangardista, que xa hai 30 anos que se aprobou o primeiro plan de igualdade.
"Investimos máis de 400 millóns de euros entre o ano 2017 e o ano 2020 e agora presentamos os principios básicos do oitavo plan estratéxico en materia de igualdade 2022-2027, que imos aprobar o próximo mes", dixo o presidente da Xunta.
O voceiro socialista dixo na súa réplica que "temos un problema serio" se se consideran "falsos os datos das institucións oficiais e da Universidade de Vigo, que foi os que utilizou no seu discurso, e engadiu: "Vén vostede aquí coa súa propaganda; xa coñecemos os anuncios en prensa desa futura lei, que non debe ser moi urxente porque acaba de dicir que virá ao Parlamento a finais de ano".
Álvarez Martínez preguntoulle ao presidente da Xunta se a nova lei vai a corrixir todos os problemas derivados dos doce anos das súas políticas en materia de igualdade e engadiu: "Necesitamos medidas reais como actualizar o plan de atención á saúde da muller, crear o instituto de saúde integral da muller, o estatuto da muller agricultora e gandeira, desenvolver políticas reais específicas para combater a desigualdade".
O voceiro do grupo socialista indicou: "Señor Feijóo, que vai facer cando teña que establecer pactos con quen quere acabar coas políticas feministas?".
O presidente da Xunta afirmou: "Non veño aquí facer política nacional". Logo referiuse aos datos que viña de dar e insistiu en que non os inventa, que son datos de institucións oficiais. "Deberían vostedes mirar as orixes dos seus datos".
Feijóo: "Pregúntame, señoría, se son feminista. Mire, nun utilizarei as mulleres para facer política". "O feminismo respectuoso, igualitario, o feminismo real, o feminismo da liberdade... son absolutamente militante de todos eses feminismos".
O presidente da Xunta dixo : "Recoñezamos o papel determinante da muller na nosa sociedade, recoñezamos que aínda hai condutas machistas, pero o que poden facer os deputados desta cámara, homes, é respectar as mulleres e non utilizalas para facer política".
A voceira do Grupo do BNG, Ana Pontón, comezou lembrándolle ao presidente da Xunta un titular de prensa do ano 2020 en que dicía: "É maior o meu compromiso con Galicia que co meu partido". "Vostede leva 12 anos subordinando Galicia aos intereses PP e obedecendo o que lle mandaban desde Génova". Lembroulle Ana Pontón que "agora, co permiso da señora Ayuso, xa está preparando as maletas para ir para Madrid".
Ana Pontón lembroulle a Feijóo que ante o "novo caso de corrupción fixo unha declaración de principios: "Os trapos lixosos hai que lavalos na casa, e quere varrer para debaixo da alfombra un novo caso de corrupción do PP". "Un novo caso de corrupción do PP é alfombra vermella que vostede estaba agardando para ir a Madrid".
Ana Pontón: "Unha vez que deixa claro que a súa prioridade é o PP, ten que dimitir como presidente da Xunta porque cada minuto que segue é unha falta de respecto a todos as galegos e galegas". "Agora que imos ter, un presidente ausente?".
O presidente da Xunta dirixíndose ao presidente da Cámara indicou: "Que quede constancia de que estou en presenza física e non estou facendo unha sesión de control por teléfono".
Feojóo dirixíndose a Ana Pontón: "Senoría, cando penso dimitir? Vostede autoformulouse algunha vez esta pregunta? Dígollo porque é política democrática que os que perden as eleccións de forma constante deberían pensar en dimitir".
Feijóo: "Este Goberno leva 13 anos consecutivos gobernando este país porque gañou todas as eleccións por maioría absoluta desde o ano 2009. Vostede leva 22 anos na cámara, perdeu todas as eleccións ás que se presentou o BNG".
Feijóo díxolle a Ana Pontón que mentres que o Goberno galego traballa para mellorar a vida dos galegos, o BNG está a pedir que a "OTAN se disolva". Engadiu que "Ucraína está sendo masacrada", que están matando a poboación civil e bombardeando hospitais e "o BNG se nega a condenar este tipo de atentados contra o dereito internacional, contra os dereitos humanos e contra a soberanía dun país".
O presidente da Xunta preguntoulle a Ana Pontón se considera que debe dimitir o señor Valentín Formoso, que acumula tres cargos: "secretario xeral do PSdeG, presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes" e que, "polo tanto, non se dedica a tempo completo" ao Concello das Pontes.
Na súa réplica, Ana Pontón dixo: "Señor Feijóo, teño que recoñecerlle que vostede é un excelente candidato a presidir o PP da corrupción e da falta de ética. A falta de ética que utilizou onte e hoxe neste Parlamento para atacar o BNG con mentiras".
Ana Pontón: "Voulle desexar unha cousa de corazón: que nunca teña que sufrir as manipulacións e as mentira que leva vostede inflixíndolle ao BNG e á miña persoa.
Para rematar, Pontón preguntoulle a Feijóo: "Cando ten pensado dimitir como presidente da Xunta?"
O presidente da Xunta respondeu dicindo que o "número de infamias e insidias" que escoitou como presidente "pódense comparar con calquera outro pronunciamento deste voceiro, sobre todo, de vostede". Feijóo engdiu: "Se vostede cre que pode vir aquí dicir que eu quero presidir un partido corrupto e quedar tan campante, é algo totalmente insidioso que eu non vou aceptar".
"Vostede non pode pedir a dimisión de ninguén porque vostede non está lexitimada, nunca gañou unhas eleccións", díxolle Feijóo á voceira do BNG.
"Non estou incompatible con nada e vostede sábeo", díxolle Feijóo a Pontón, e engadiu: "En todo caso, sei perfectamente que cumprirei as miñas obrigas como presidente da Xunta de Galicia ata o último instante e nunca renunciarei a cumprir esas obrigas e non terei nunca ningún suposto de incompatibilidade, nin sequera orgánica".
"Antepoñer os intereses de Galicia ao partido", díxolle Feijóo a Pontón "é pedir un réxime de cota no financiamento autonómico que está en contra de todos os intereses de Galicia. Antepoñer os intereses de Galicia ao partido, ao BNG, é ir na mesma papeleta co independentismo vasco, Bildu, e co independentismo catalán, Esquerra Republicana de Cataluña" (...) "É subscribir a investidura do señor Sánchez, que é o que fai o BNG, e despois queixarse do prezo da luz, do prezo do gas e da falta de competitividade da economía galega".
Feijóo: "Teño clarísimo que estou cumprindo co meu deber. Non lle vou dar estabilidade ao PP á custa da estabilidade de Galicia. Nunca o farei. Galicia é a miña nai e un nunca rexeita a súa nai".