Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rey Varela, ante o congreso do PP: "Rueda é o presidente autonómico con máis apoios"

Rey Varela, ante o congreso do PP: "Rueda é o presidente autonómico con máis apoios"

O PPdG afronta con ilusión o Congreso Nacional dos populares da próxima fin de semana no que sairá reelixido Alberto Núñez Feijoo

José Manuel Rey Varela, secretario de organización do Congreso, salientou a importante participación dos militantes galegos que acoden á cita con 316 compromisarios

José Manuel Rey Varela
G24.gal 29/06/2025 10:37

O PPdG prepárase para o Congreso Nacional que se vai celebrar a partir do próximo día 4 de xullo en Madrid e que reelixirá a Alberto Núñez Feijóo como presidente do partido. Baixo o lema de "Toma partido por España" os populares presentarán un programa de cambio ante un posible adianto electoral. 

O secretario de organización do Congreso, o alcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela, salientou na entrevista dos domingos da Radio Galega o peso de Galicia nesta cita.

A participación activa que teñen os militantes galegos, que acoden con 316 compromisarios, demostra o peso do PPdG e tamén o de Alfonso Rueda, que é o presidente autonómico con maior apoio de toda España. Temos un papel francamente importante e ilusionante por poder contribuír ao cambio que España necesita.

Na cita congresual debateranse dous relatorios: un político marcado polo programa de cambio que ofrece o PP fronte ao actual Goberno de Sánchez e outro de estatutos, que inclúe unha simplificación na fórmula das votacións, que non requira inscrición previa.

Cambio na política estatal

O Congreso estará marcado pola situación actual do Goberno español. Rey Varela pide eleccións anticipadas para pórlles fin aos casos de corrupción que rodean o Goberno e a falta de presupostos.

Provócame tristura ver a situación actual coas investigacións por corrupción. Non hai en Europa un primeiro ministro que teña toda a súa contorna persoal e política investigada por corrupción, tampouco hai un goberno europeo que degrade as institucións ou cometa presuntas fraudes de lei impunemente, e dende logo, non existe ningunha democracia no mundo cun fiscal xeral imputado.

"Aumentar o gasto en defensa será bo para Ferrol e para toda Galicia"

O rexedor ferrolán está de acordo co aumento do gasto en defensa do 5% como establece a OTAN polo que suporá para Navantia e para o resto dos estaleiros españois.

 É preciso investir en seguridade porque eses cartos repercutirán positivamente en Ferrol, onde temos un dos arsenais militares máis importantes do mundo e unha empresa de construción naval das máis relevantes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade