Publicador de contidos

Publicador de contidos

70 líderes mundiais acoden a Sevilla para reforzar a solidariedade e o multilateralismo

70 líderes mundiais acoden a Sevilla para reforzar a solidariedade e o multilateralismo

España acolle a IV Conferencia Internacional sobre o Financiamento para o Desenvolvemento de Nacións Unidas desde o 30 de xuño ao 3 de xullo 

O secretario xeral de Nacións Unidas, António Guterres, e o presidente de Goberno, Pedro Sánchez, inaugurarán o cume na sesión plenaria do 30 de xuño    

Estarán representados 193 países da ONU, todos agás os Estados Unidos, que argumentan estar en desacordo con varios aspectos do documento final

A Policía Nacional custodia os accesos ao Pazo de Congresos FIBES de Sevilla. Foto: EFE/Julio Muñoz
G24.gal 29/06/2025 09:23 Última actualización 29/06/2025 10:45

Uns setenta xefes de Estado ou de Goberno reúnense a partir deste luns en Sevilla na IV Conferencia Internacional da ONU sobre Financiamento para o Desenvolvemento, un encontro que aspira a mobilizar máis recursos en cooperación e reafirmar o compromiso co multilateralismo e do que se descolgaron os EUA.

Os países, 193 países membros da ONU, van estar representados neste cume, salvo os Estados Unidos, que anulou a cita da súa axenda, argumentando estar en desacordo con varios aspectos do documento final, entre outros os de xénero, a xestión da débeda, o comercio internacional e a transferencia de tecnoloxía.

A súa ausencia foi comunicada hai unha semana, antes do choque de Donald Trump co presidente, Pedro Sánchez, anfitrión do cume, a conta da contribución de España á OTAN, que rebaixa ao 2,1 % do PIB en lugar do 5% subscrito por todos os socios.

Entre os participantes no cume, estará a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, xefes de Estado ou de Goberno europeos como o de Francia, Estonia, Polonia e Portugal, tamén confirmou a súa asistencia Volodímir Zelenski (Ucraína); e outros líderes de Iberoamérica, África e Asia.

Ademais de líderes mundiais e 200 delegacións oficiais de países membros da ONU e de organizacións internacionais, Sevilla congregará representantes da sociedade civil. En total, ata 12.000 asistentes, que tamén participarán nos máis de 370 eventos paralelos que se organizaron.
 

Fachada do Pazo de Congresos FIBES de Sevilla. Foto: EFE/ Julio Muñoz Fachada do Pazo de Congresos FIBES de Sevilla. Foto: EFE/ Julio Muñoz

É a primeira vez que se celebra nun país europeo esta conferencia da ONU

O presidente do Goberno presidirá a IV Conferencia Internacional de Nacións Unidas sobre o Financiamento para o Desenvolvemento, que terá lugar entre o 30 de xuño e o 3 de xullo no Palacio de Congresos e Exposicións de Sevilla (FIBES). 

Esta IV Conferencia (do 30 de xuño ao 3 de xullo), que se celebra por primeira vez nun país europeo, arrincará ás dez da mañá coa inauguración oficial no Palacio de Exposicións e Congresos por parte do secretario xeral da ONU, António Guterres, e Pedro Sánchez, e na que Filipe VI tamén vai intervir.

Previamente os reis entrevistaranse este domingo con Guterres e ofrecerán despois unha cea de gala no Real Alcázar, patrimonio da humanidade e residencia oficial dos monarcas cando visitan Sevilla.

Tras a inauguración, darán comezo os traballos coa aspiración de dar un pulo aos compromisos da Axenda 2030 de desenvolvemento sostible, xa que só quedan cinco anos para que venza o prazo.

A anterior Conferencia sobre Financiamento para o Desenvolvemento tivo lugar en Adís Abeba (Etiopía) en 2015, o mesmo ano no que a Asemblea Xeral da ONU adoptou os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Unha oportunidade en tempos revoltos para as relacións internacionais

Á marxe dos propósitos que se marcaron en materia de financiamento, a Conferencia é unha grande oportunidade, segundo fontes do Goberno, para comprometerse co multilateralismo, cuestionado e atacado por países de peso como os Estados Unidos, nestes tempos revoltos para as relacións internacionais.

E no caso concreto da cooperación, a Administración Trump, que achegaba o 42 % da axuda humanitaria global, cancelou boa parte dos seus programas de axuda, pero non é o único país que anunciou recortes, tamén o fixo Alemaña para reconducir ese gasto a defensa, o que está a xerar preocupación no ámbito da cooperación.

Neste novo encontro, quedarán fóra dos debates a guerra en Gaza, a recente escalada bélica entre Israel e Irán, na que tamén interveu Washington, ou a guerra en Ucraína porque, segundo precisaron as fontes, ese non é o obxectivo da reunión, aínda que os seus protagonistas, excepto os Estados Unidos, si estean presentes.

Máis aló do frutíferos que sexan estes catro días, o Goberno xa considera un avance o documento final da conferencia, O compromiso de Sevilla, porque aborda os instrumentos de financiamento, como facelos máis flexibles e de que maneira dar máis marxe fiscal aos países en desenvolvemento.

Expón ademais mecanismos para mobilizar máis recursos con plataformas público-privadas e aborda o problema da débeda dos países en desenvolvemento, xa que case a metade da humanidade, uns 3.300 millóns de persoas, vive en países que destinan máis diñeiro ao pago da débeda que a saúde ou educación.

Neste sentido, España defende, entre outras cousas, aliviar o peso da débeda e establecer mecanismos de suspensión ante desastres ou crises alimentarias, comprometerse con destinar o 0,7 % do PIB á axuda oficial ao desenvolvemento, crear un sistema fiscal máis xusto e asegurar que as mulleres teñan máis acceso ao financiamento.

Imaxe da III Conferencia de Coooperación celebrada en Xullo do 2015 en Etiopía Imaxe da III Conferencia de Coooperación celebrada en Xullo do 2015 en Etiopía
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade