Servizos móbiles para facilitarlle a vida á xente do rural
Vivir no rural coas vantaxes da cidade
O programa 'Coidados porta a porta' ofrece atención sociosanitaria
Os carteiros rurais ofertan os mesmos servizos dunha oficina
'Coidados porta a porta' é un servizo móbil que a Xunta lles ofrece aos maiores de 55 anos que viven no rural. Son en total 8 autobuses que percorren Galicia ofrecendo atención sociosanitaria de balde. Aquí con cita previa reciben coidados en podoloxía, audioloxía e tamén para a estimulación da memoria.
"Achegamos estes tres servizos á xente, que é xente que ten moitos problemas, moitas limitacións de mobilidade, por idade, porque no rural hai moita dispersión demográfica, entón agradéceno moito, e porque son servizos necesarios", explica Fabiola Fernández, coordinadora de unidade de Lugo do programa 'Coidados porta a porta'
"Non esperaba ter este sistema sanitario e que se preocupasen polas persoas que están un pouco illadas, e estou encantado", comenta Andrés Méndez, usuario do programa
'Coidados porta a porta' comezou a funcionar hai un ano xusto ao mesmo tempo en que Correos introduciu cambios para os mil carteiros rurais que hai en Galicia. Facilitoulles unhas novas PDA coas que poden facer as mesmas operacións coma si estivesen na oficina.
"O que queremos facer con estes aparellos é achegar a oficina que pode haber nunha cidade á porta da casa de calquera persoa. Con isto podemos dende cobrar un recibo da luz, un recibo da Deputación, ata posibilidades coma un billete de tren...", apunta Fernando Nogueiras, carteiro rural
Os veciños mesmo poden ingresar ou recibir cartos coma se tivesen un caixeiro á porta da casa.
"Faino a través dunha chamada ao banco ou dunha aplicación, e nós traémosllo á porta da casa".
Son dous exemplos de dous servizos ambulantes que melloran a calidade de vida, sobre todo dos maiores do rural.
"Que poidan facer todo isto sen ter que desprazarse da casa, sen ter que coller un coche, ao final si que é algo que se agradece", sentenza Fernando.