Sen noticias das mulleres desaparecidas en Lalín e Avión
Clotilde ten 53 anos e Manuela 73, pero ambas puideron desorientarse por problemas de demencia
En Lalín, a busca guiouse pola gravación da cámara de seguridade dunha gasolineira
Son xa catro días e tres noites de xeada sen rastro de Clotilde.
"Cada día que pasa vaite minando porque se van acabando as ideas. Vanse acabando as posibilidades de supervivencia", lamenta Víctor Blanco, o xefe do GES de Lalín
Aínda así, non queda outra que agarrarse a un cravo ardendo.
"Hoxe temos un pouco de aire fresco con estas novas que conseguiron as pescudas da Garda Civil para centrarnos máis nesta zona", engade Blanco.
"Pode estar resgardada do frío da noite. Entón, mirar á beira dos valados ou onde hai máis vexetación que lle puidese servir de abrigo", comenta unha voluntaria.
As cámaras dunha gasolineira deron a pista máis fiable dende que comezou a busca. Gravárona camiñando ás tres da tarde.
"Puidemos verificar coas cámaras de videovixilancia que era esa señora coa roupa que se describiu que saíu ese día da casa. Hoxe estamos nunha área próxima de Lalín, concretamente en Filgueira, que xa a percorremos pero imos ampliar un pouco máis, coa esperanza de atopala", confirma o capitán da Garda Civil Roberto Pampín, que dirixe o operativo.
Con todo, non se descarta ningún testemuño. Aínda hoxe alguén cría tela visto o mesmo luns que faltou.
"Pareceume vela polos arredores e ía camiñando cun pouco de ansiedade", sinala unha veciña dos arredores de Lalín.
Hai cans, helicóptero, drons, axentes da Garda Civil de Lalín e das aforas, tamén de Protección Civil de concellos veciños, e moitos voluntarios. Veciños que queren axudar.
"Nós coñecemos todo o monte, todos os recunchos. Non hai ningún sitio pon onde non teñamos pasado xa", comenta un ciclista.
A situación é moi parecida en Avión. Manuela Conde falta dende o domingo. Ten 73 anos e padece alzhéimer. O paso das horas, a friaxe das noites e as características da zona xogas en contra. Demasiado por onde buscar, moito monte abandonado e poucas casas. Aínda así, non queren desistir.