Seis meses despois da morte de Samuel Luiz, a policía ten case rematada a investigación do crime
Séguese á espera dos datos dos teléfonos móbiles dos detidos e das testemuñas, un contido que depende dos Estados Unidos

Fai sei meses do crime de Samuel Luiz Muñiz na Coruña, coa investigación policial practicamente rematada pero aínda á espera de que se poida coñecer o contido rexistrado durante as horas seguintes nos teléfonos móbiles dos acusados. Dese tramite dependerá en boa medida a futura data do xuízo.
Malia que a policía xa deu por pechado o caso hai algo máis dun mes (con tres adultos en prisión, dous menores recluídos e outras dúas persoas, un mozo e unha moza, en liberdade coa obriga de comparecer periodicamente no xulgado), a investigación segue por parte do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña.
Agora séguese á espera dos datos dos teléfonos móbiles dos detidos e das testemuñas. Un contido que depende dos Estados Unidos. O tribunal que leva o caso volveu pedir a orde de baleirado ás operadoras para tratar de obter información sobre as mensaxes supostamente borradas polos implicados. Se isto se desvela pronto, o xuízo -que será con xurado popular- podería celebrarse a finais deste 2022.